Inicio Galicia A Oficina Técnica da Seca mantén o estado de prealerta nas comarcas...

A Oficina Técnica da Seca mantén o estado de prealerta nas comarcas de Ortegal e da Mariña como medida preventiva ata a consolidación dos niveis dos ríos e encoros

0

As chuvias rexistradas en agosto permitiron que as bacías da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa acaden valores dentro da normalidade para este mes

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe nunha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que se decidiu o mantemento do estado de prealerta nas comarcas de Ortegal e da Mariña como medida preventiva ata a consolidación dos niveis dos ríos e encoros.

No encontro constatouse que as chuvias rexistradas en agosto permitiron que as bacías da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa acadaran valores considerados dentro da normalidade para este mes.

Non obstante, e ante as previsións meteorolóxicas que indican a probable escaseza de precipitacións en setembro, a Oficina Técnica da Seca decidiu manter activos os estados actuais na citada demarcación.

Esta entidade reunida hoxe está integrada por técnicos de Augas de Galicia, da Consellería do Medio Rural e de Meteogalicia, que volverán celebrar unha nova xuntanza nas próximas semanas para avaliar a situación e adoptar as medidas necesarias.

Augas de Galicia continúa coa realización dun seguimento continuo e exhaustivo da evolución da totalidade de encoros e ríos.

Cómpre lembrar que desde o mes de xullo está activa a situación de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica nas comarcas de Ortegal e da Mariña lucense.

A activación da prealerta realízase como aviso temperán para prepararse con suficiente antelación ante un eventual escenario de seca e implica un incremento do seguimento continuo dos caudais nos ríos nestas zonas.

A Xunta reitera o chamamento aos concellos e á cidadanía en xeral para que se leve a cabo un consumo responsable da auga e, de xeito especial, nas zonas nas que está activa a prealerta.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre