Inicio Galicia A obra 'Galegas en Cuba' pon en valor e réndelle tributo ao...

A obra 'Galegas en Cuba' pon en valor e réndelle tributo ao papel da muller na emigración

0

Os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio Rodríguez Miranda, acompañaron hoxe a Julio César González Pagés no acto de presentación da publicación que sae do prelo co apoio da Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañaron hoxe o investigador cubano Julio César González Pagés, profesor da Universidade da Habana, na presentación da obra Galegas en Cuba, que sae do prelo apoiada pola Xunta de Galicia co obxectivo de poñer en valor e renderlle tributo ao papel da muller galega na emigración cubana. “Unha homenaxe ás galegas e aos galegos que, con mellor ou peor fortuna, desde calquera lugar do mundo, viviron e dignificaron a nosa terra galega, colaborando co noso desenvolvemento como pobo, non só con palabras, senón con feitos”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística na súa intervención.

O secretario xeral da Emigración recordou “as moitas institucións nacidas arredor do Centro Galego da Habana, desde as que se abordaron numerosas empresas sociais, educativas ou sanitarias coas que superar, desde a colectividade, as necesidades derivadas da emigración”. “É así como nace Hijas de Galicia, a grande institución social que segue existindo hoxe en día, epopea da muller galega na emigración e exemplo da nosa capacidade de asociacionismo e integración nas sociedades de acollida, así como dos grandes valores que o noso pobo foi quen de espallar polos cinco continentes. En definitiva, orgullo máximo que cómpre sempre desvelar”, concluíu.

Tamén participaron no acto a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; a consulesa xeral de Cuba en Galicia, Yahima Martínez Millán, e o músico e compositor Roi Casal, autor e promotor do proxecto galego-cubano Son galego, son cubano e do roteiro Descubrindo a Habana galega.

Memoria da emigraciónA publicación visibiliza a historia da asociación cubana Hijas de Galicia, xurdida en 1914 da necesidade de protexer a muller galega emigrada que chegou á illa e que congregou ata 58.000 socias no ano 1960. O autor, Julio César González, neto dunha filla de Galicia, testemuña a memoria dunhas mulleres e duns homes que construíron Galicia desde a emigración, unhas persoas que, así mesmo, forman parte da historia de Cuba e da súa capital, A Habana, polas diversas iniciativas e institucións sociosanitarias que promoveron, entre as que destacan o hospital Hijas de Galicia, probablemente a primeira maternidade de América, no barrio habaneiro de Luyanó.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre