Inicio Galicia A mostra impulsada pola Xunta Carvalho Calero. A voz presente continúa a...

A mostra impulsada pola Xunta Carvalho Calero. A voz presente continúa a súa itinerancia a próxima semana en Pontevedra

0
image_gallery.jpg

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou hoxe a mostra na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, que se despide mañá da cidade


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou hoxe pola mañá a mostra Ricardo Carvalho Calero. A voz presente, que promove a Consellería de Educación, Cultura e Universidade en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL) no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2020 promovida desde a Xunta de Galicia. O proxecto expositivo comisariárono os profesores Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez, co obxectivo de difundir e poñer en valor as dimensións artística, humana e intelectual do autor a quen se lle dedican neste ano as Letras.“Con esta mostra, que tan ben retrata a figura, a vida e a obra de Carvalho Calero, o profesor volve a Compostela, cidade imprescindible na que exerceu o seu maxisterio desde a primeira cátedra universitaria de lingua e literatura galegas”, destacou o secretario xeral, quen tamén sinalou “a importancia de que a exposición se exhibara na biblioteca que leva o nome doutro dos maiores contributos á Galicia do século XX no eido da lingua e da cultura, Ánxel Casal”, concluíu.

Participaron tamén nesta visita institucional os presidentes da Real Academia Galega (RAG) e da AGAL , Víctor F. Freixanes e Eduardo Sanches Maragoto, respectivamente; un dos comisarios da mostra, Carlos Quiroga, e mais o director da biblioteca, Jesús Torres.

Carvalho Calero fala de si mesmo e da súa obraO proxecto expositivo Carvalho Calero. A voz presente configúrase arredor dunha ducia de paneis, un audiovisual e un díptico explicativo (reformulado en código QR para adaptalo ás medidas de seguridade sanitaria e protocolos derivados da crise da Covid-19). Para alén dos paneis de presentación e de créditos, cinco deles presentan unha liña do tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra.

A continuación, outros cinco céntranse en cadanseu aspecto da súa figura e do seu legado. O primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo, A obra, ocúpase da súa faceta de creador literario. O terceiro, Lugares vitais analiza a súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela; o cuarto, Reintegracionista ocúpase da súa posición con respecto á norma ortográfica do galego, en tanto que o quinto, Intelectual honesto mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida ao longo dos anos.

Tal e como o título da exposición indica, procurouse que fose o propio autor homenaxeado quen –a través de citas de obras literarias, artigos, entrevistas concedidas…- falase directamente de si mesmo e da súa obra.

Pontevedra, vindeira paradaA mostra fai parada en Santiago ata mañá e continuará a súa itinerancia ata finais de ano, cunha parada a partir do día 20 deste mes na Bibliotecas Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, onde se poderá visitar ata o 3 de novembro. Do 5 ao 19 de novembro exhibirase na sede da Fundación Ramón Otero Pedrayo en Amoeiro (Ourense); do 21 ao 5 de decembro na Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia (Ourense) e completará o percorrido previsto na Biblioteca Pública de Ourense Xeración Nós, do 8 ao 22 de decembro.

Toda a información, materiais expositivos e calendario de itinerancias poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre