Inicio Galicia A mostra 'Don Ricardo de Fingoi' presenta a relación de Carballo Calero...

A mostra 'Don Ricardo de Fingoi' presenta a relación de Carballo Calero coa cidade de Lugo

0

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na inauguración desta exposición elaborada polo Colectivo Egeria co patrocinio da Xunta de Galicia

O lucense Colexio Fingoi acolleu este mediodía a inauguración da mostra Don Ricardo de Fingoi (Carballo Calero en Lugo), que conmemora os 15 anos en que o autor a quen a Real Academia Galega (RAG) lle dedicará o vindeiro 17 de maio residiu na cidade da Muralla para exercer como profesor e conselleiro delegado daquel centro educativo. A exposición, que estará no Fingoi ata o vindeiro 21 de xaneiro e poderá verse a partir do 22 na Delegación Territorial da Xunta nesta provincia, foi creada polo Colectivo Egeria co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2020.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, María José Gómez, participaron no acto inaugural. Valentín García cualificou a Ricardo Carballo Calero de “profesor e, de facto, director excepcional dun colexio sen dúbida singular para a época por mor da innovación pedagóxica e da preocupación pola cultura galega” e convidou os lucenses a visitar unha exposición que lles mostrará, “non só unha nova perspectiva da vida e da obra de Calero, senón un anaco da historia recente da cidade”.

Canda eles, participaron na inauguración da exposición Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; Margarita Carballo-Calero, filla de don Ricardo; Xulio Xiz, representante do Colectivo Egeria e coordinador da mostra; Asunción Fernández, directora do Colexio Fingoi; María Dolores Fernández, alumna de Carballo en Fingoi e alumna e posteriormente compañeira súa de departamento na Universidade de Santiago, e Pilar Martínez Conde, profesora de canto no Centro de Música Fingoi.

O acto estivo amenizado polos Gaiteiros de Fingoi dirixidos por Pepe Vaamonde e polo grupo de 5º e 6º de primaria dirixido por Paloma Suances, así como polo neto de Ricardo Carballo Calero, Jacobo Cela, que interpretou unha peza ao violín.

Mostras para as Letras GalegasA exposición Don Ricardo de Fingoi, elaborada polo Colectivo Egeria para dar conta da presenza en Lugo de Ricardo Carballo Calero entre 1950 en 1965, conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a colaboración da RAG e do Colexio Fingoi. Consta de trece paneis que percorren a relación do autor das Letras Galegas 2020 coa cidade da Muralla, acompañados de sinaladores de lectura e dun folleto que recolle os mesmos contidos dos paneis. Estes poden verse tamén desde hoxe no web www.carballocaleroenlugo.org e nos vindeiros meses estarán dispoñibles en formato libro.

Antes de acudir á inauguración de Don Ricardo de Fingoi, Valentín García visitou tamén na Escola Oficial de Idiomas da lucense a mostra Os doce anos de Fraguas en Lugo, elaborada polo mesmo Colectivo Egeria e por Galicia Dixital co apoio do Goberno autonómico no marco da programación conmemorativa das pasadas Letras Galegas, e que permanecerá 15 días na cidade tras percorrer Galicia ao longo de 2019.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre