Inicio Galicia A Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria creará...

A Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria creará un Banco de Explotacións para fomentar a remuda no rural galego

0

Este banco será un instrumento público de mediación que facilitará a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas na súa incorporación, co fin de garantir a súa continuidade


O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e polo deputado popular Daniel Vega, mantivo este mediodía unha xuntanza con gandeiros, agricultores e persoas interesadas deste concello coruñés e da súa contorna para explicarlles o contido e alcance da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Ao encontro tamén asistiu a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo.

O conselleiro deu conta dos detalles desta norma, que iniciará proximamente a súa tramitación, dentro da rolda de contactos que José González está a manter con diferentes colectivos de sectores económicos e sociais vinculados co rural e que se van ver beneficiados tras a súa entrada en vigor.

Neste encontro, o titular de Medio Rural destacou especialmente unha das figuras que creará a lei, como é o Banco de Explotacións. Este será un instrumento público de mediación que terá por finalidade facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas na súa incorporación. O obxectivo é garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu abandono e o das terras que as conforman. Trátase, pois, de fomentar a remuda xeracional no agro galego, tal como sinalou o conselleiro.

Ademais, José González trasladou que esta norma xorde como resultado das conclusións do Ditame da comisión parlamentaria forestal tras os lumes de 2017 e que completa e desenvolve o marco normativo actual, culminando así un camiño iniciado pola Lei de Mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este texto legal sinalaba na súa exposición de motivos que Galicia se dotaría con iniciativas futuras dun conxunto de normas para constituír un corpo xurídico coherente e eficaz cara á contribución do espazo agrario e dos seus sistemas produtivos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do medio rural.

Deste xeito, o conselleiro indicou que, xunto coas concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga e que se seguirán decretando, na nova lei apostarase por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. O obxectivo último das dúas normas -da Metaga e da futura Lei de recuperación- é mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

Base territorial suficienteDe feito, dixo José González, a principal motivación da futura lei é loitar contra o abandono e a infrautilización, facilitando base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, ao tempo que se procurará anticiparse aos lumes e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.

O conselleiro indicou tamén que esta norma facilitará, entre outras cousas, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios e ademais promoverase a recuperación produtiva das terras agroforestais a través de diversos mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos ou na compra-venda, entre outros. Para todo isto, contémplanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras.

José González sinalou que a norma basearase, fundamentalmente, no uso e potenciación de ferramentas voluntarias coma os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa de aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario. Tamén se impulsarán dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que se axilizará, e o xa mencionado Banco de Explotacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre