Inicio Galicia A IV Xornada Día das Letras Galegas para o profesorado afonda na...

A IV Xornada Día das Letras Galegas para o profesorado afonda na figura de María Victoria Moreno

0

O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou esta actividade formativa dirixida a profesorado que organiza o seu departamento en colaboración co CAFI

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou esta mañá no Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a IV Xornada Día das Letras Galegas, organizada polo departamento que el dirixe en colaboración co Centro autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e destinada a divulgar entre o profesorado as distintas facetas que distinguen a vida e a obra de María Victoria Moreno.

Valentín García agradeceulle ao profesorado asistente o seu interese “nunha muller que apostou pola lingua galega e pola xente moza, dúas cousas que hoxe, máis ca nunca, queremos facer camiñar unidas”. Neste sentido, recordou que a Xunta de Galicia está elaborando un Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que incentivará o uso do galego entre os máis novos en todos os ámbitos en que estes desenvolven a súa vida. Ademais, o secretario xeral expresou o seu recoñecemento polos “docentes que traballastes xa nas aulas a figura de María Victoria Moreno e que presentaredes nesta xornada as vosas experiencias e boas prácticas, que coidamos que van ser un referente para os compañeiros e compañeiras que están hoxe aquí”.

Na inauguración da xornada interviñeron tamén Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), e Pedro Ferriol, viúvo de María Victoria Moreno.

Apostolado lingüístico e obra literariaA conferencia inaugural desta IV Xornada Día das Letras Galegas correu a cargo de Xesús Alonso Montero, académico da RAG e amigo persoal da autora homenaxeada, quen disertou sobre “O apostolado lingüístico de María Victoria Moreno e a súa utofonía como escritora en galego”. A continuación celebrouse a conferencia plenaria “A obra literaria en galego de María Victoria Moreno”, de Xesús Rábade Paredes, profesor, escritor e, no seu día, alumno da autora cacereña. A mañá rematou cunha serie de relatorios breves que chegaron da man dos escritores Marilar Aleixandre, Ánxela Gracián e Xavier Senín e mais da profesora da Universidade de Santiago Blanca Ana Roig Rechou. Nas súas intervencións ocupáronse da novela de adultos, da biografía, do labor de tradutora e o de docente de María Victoria Moreno, respectivamente.

A tarde estará dedicada á presentación de experiencias de centros educativos, primeiramente as dos gañadores do Concurso-Exposición das Letras Galegas 2018 -o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e o IES Torrente Ballester de Pontevedra-, e a continuación as do CEIP A Magdalena das Pontes, CEIP de Cervo, CEIP Sanjurjo de Carricarte da Coruña, CEIP da Torre-Illa da Illa de Arousa e CEIP Antonio Fernández López de Sarria.

Celebración das Letras GalegasA IV Xornada do Día das Letras Galegas foi organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á que pertence o CAFI, no marco da programación que a Xunta de Galicia destina a conmemorar o 17 de maio e a difundir a vida e a obra da autora homenaxeada en tal data. Poden consultarse máis iniciativas e materiais relacionados con esta celebración no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/letras-galegas). 

No hay comentarios