Inicio Galicia A igrexa de Santa Baia de Palio amosa ao público as pinturas...

A igrexa de Santa Baia de Palio amosa ao público as pinturas murais restauradas nas que a Xunta investiu 45.000 euros

0

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, participará hoxe na xornada de portas abertas que se celebrará de 17,00 a 20,00 horas

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, participarán hoxe na xornada de portas abertas na que se dará a coñecer o resultado das últimas obras de restauración das pinturas murais da Igrexa de Santa Baia de Palio, financiadas polo Goberno galego a través de fondos FEDER por un importe de 45.000 euros.

Durante a xornada, que se celebrará esta tarde de 17,00 a 20,00 horas, os participantes poderán contemplar as actuacións postas en marcha no presbiterio, o arco triunfal e a nave principal que permitiron reparar algunhas deficiencias arquitectónicas e descubrir pinturas do século XVI no presbiterio e no arco e de finais do século XV na nave. As obras comezaran xa no mes de xaneiro e consistiron na retirada de cal, así como na limpeza de fragmentos de pintura atopados e na reintegración cromática, entre outras actuacións.

A estes traballos sumaranse en breve as que se veñen de adxudicar cun importe de licitación de 51.000 euros para desenvolver unha segunda fase de restauración. Neste caso, actuarase nos paramentos e na tribuna. En concreto, acometerase o acabado das fachadas e procederase á recolocación e restauración da tribuna de madeira, que foi desmontada para poder executar a primeira fase. Tamén se executará a iluminación interior do edificio.

Máis de 200.000 eurosCon todas estas actuacións, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade leva investidos de xeito global nos últimos meses máis de 200.000 euros para a súa restauración, incluíndo os preto de 130.000 para descubrir as pinturas murais no muro este do presbiterio e os 45.000 euros postos en marcha na primeira fase da restauración do arco triunfal e na nave principal, actuacións que se poden ver durante a xornada de hoxe.

O Goberno galego continúa así afondando no seu compromiso pola recuperación e mellora do patrimonio cultural galego. Neste caso, a igrexa de Santa Baia de Palio é un exemplo de arquitectura único na comarca do Deza debido á súa temperá datación e á xa presente advocación no século XI. O templo consta dunha construción sinxela composta por unha nave rectangular unida a unha ábsida de menor anchura e de pranta igualmente rectangular.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre