Inicio Galicia A Galicia do Xacobeo 2021 contará cunha rede pública de albergues ampliada...

A Galicia do Xacobeo 2021 contará cunha rede pública de albergues ampliada e mellorada cun plan que primará a rehabilitación de edificios históricos nos distintos camiños

0

Salienta a inversión de 3,7 millóns para: reformas nos establecementos, melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Galicia do Xacobeo 2021 contará cunha rede pública de albergues ampliada e mellorada, cun plan que primará a rehabilitación de edificios con valor patrimonial ou histórico nas distintas rutas xacobeas.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que esta iniciativa, dotada con 7 millóns de euros, permitirá a creación de 8 novos albergues públicos no Camiño de Santiago: en Vilasantar (Camiño do Norte), onde se reformará a antiga casa reitoral; no Saviñao (Camiño de Inverno), grazas á remodelación do Palacio Episcopal de Diomondi; na Gudiña (Vía da Prata), con melloras na coñecida como Casa da Viúva; no concello de Vigo; en Rodeiro (Camiño de Inverno) e na Coruña (Camiño Inglés); en San Cristovo de Cea (Vía da Prata), e en Sobrado (Camiño do Norte).

Nestes dous últimos casos as actuacións serán de melloras e remodelación para incorporar á rede da Xunta os xa existentes nos mosteiros de Oseira e Sobrado dos Monxes. E, no tocante a Vigo, cómpre subliñar que este será o primeiro albergue público do concello, que estará ubicado no barrio do Berbés e cuxas obras, que acaban de ser adxudicadas, comezarán este mes.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que a outra parte do plan implicará destinar 3,7 millóns para: reformas nos establecementos, melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética. Así, entre as actuacións recollidas destaca, por exemplo, a ampliación do albergue de Pontevedra.

Entre as iniciativas para mellorar a atención aos peregrinos, o titular da Xunta destacou a acción para converter o Camiño nun espazo cardioprotexido, grazas á incorporación de desfibriladores semiautomáticos para os 70 albergues con 150 traballadores formados. Así como a aposta pola distinción Q de Calidade.

E inclúese tamén unha iniciativa novidosa que permitirá “facer un Camiño máis inclusivo”, resaltou, referíndose á instalación de pictogramas para favorecer a accesibilidade dos locais, á edición dun catálogo-guía da accesibilidade en todos os establecementos, e á posibilidade de facer reservas para grupos de persoas con discapacidade –unha posibilidade, a de reservar prazas nun albergue, que ata o de agora non estaba dispoñible en ningún caso—.

Esta iniciativa súmase a outras que xa se están a levar a cabo tamén de cara ao Xacobeo 2021, como o Plan de Mantemento dos Camiños, dotado con 15,6 millóns de euros; as medidas para o embelecemento das rutas; ou a restauración dos BIC situados no Camiño, para o que estamos esperando polo Goberno do Estado. Ademais do proxecto de acondicionamento do Monte do Gozo que inclúe a ampliación do auditorio, así como o desenvolvemento do convenio asinado coa asociación Aspanaes para crear un novo centro asistencial e turístico para o colectivo autista.

En definitiva, concluíu o presidente da Xunta, “seguimos traballando para este Xacobeo 2021 dando compromiso e concreción de prazos para intentar chegar preparados a este ano santo”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre