Inicio Galicia A gala 'aRimar 2020' celebrarase o vindeiro sábado no marco do festival...

A gala 'aRi[t]mar 2020' celebrarase o vindeiro sábado no marco do festival Maré

0

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta participou esta mañá na cidade portuguesa do Porto na presentación do evento

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, participou esta mañá na cidade portuguesa do Porto na rolda de prensa de presentación do festival de música Maré, que se celebrará do 24 ao 27 de setembro en Santiago de Compostela e que acollerá, o sábado 26, a Gala dos Premios da música e a poesía galego-portuguesas aRi[t]mar.

Valentín García celebrou que dous proxectos “destinados a unir pontes entre Galicia e Portugal a través da música e da poesía”, como son aRi[t]mar e Maré conflúan. “Estaban destinados a atoparse”, afirmou o secretario xeral antes de engadir que “a Xunta de Galicia, que os apoiou sempre, continúa facéndoo agora e alentando estes e outros moitos proxectos que contribúen ao desenvolvemento da Lei Paz Andrade ou a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía”.

Xunto con Valentín García participaron na presentación do festival Maré a cantante Uxía, directora artística da Gala Cantos na Maré; Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, e os cantautores Miguel Araújo e Toty Sa’Med.

Gala ‘aRi[t]mar’aRi[t]mar é un proxecto didáctico-cultural desenvolvido co patrocinio da Xunta de Galicia e xurdido na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Universidade. A Escola traballa co alumnado ao longo do curso textos e músicas publicados en Galicia e Portugal no último ano e despois, mediante votación en liña, os estudantes escollen as mellores.

Os gañadores do aRi[t]mar 2020, que interpretarán as cancións e poesías premiadas durante a Gala de entrega de premios que se celebrará o 26 de setembro ás 12,30 horas no Hotel NH, foron os músicos Sabela e António Zambujo e mais os poetas Carlos da Aira e Raquel Lima. Tamén se lle entregará o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona a Georgina Benrós De Mello, ex directora-xeral da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) e antiga Ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, unha decidida impulsora da incorporación da Galiza á CPLP .

Maré no FEST GaliciaO festival Cantos na Maré inicia unha nova etapa en Santiago de Compostela co patrocinio especial da Xunta de Galicia a través da marca FEST Galicia. Renomeado como Maré-Músicas e Artes Atlánticas, conta cun formato que engadirá foros profesionais e de emprendemento cultural, citas audiovisuais e gastronomía aos concertos de artistas vencellados cos territorios de fala galega e portuguesa, seña de identidade do evento.

Ademais de incorporar a entrega dos premios aRi[t]mar, o festival artículase este ano nas seccións MaréLab, un espazo de investigación para apoiar o crecemento da economía creativa; MaréNet, para situar Santiago de Compostela como referencia do negocio das industrias culturais; CineMaré, cunha carteleira audiovisual procedente das culturas atlánticas; GastroMaré, un encontro entre cociñeiros e música para descubrir novos sabores e produtos; e MaréTV, plataforma de música desde a que se poderán seguir moitas actividades do festival en streaming.

Todas as citas serán no Hotel NH. O 24 de setembro, Toty Sa’MED, A Pedreira e Pierre-Yves Rougier; o sábado 25 estarán LaBaq, Faia, Nacho Muñoz e Lar Legido; en tanto que o día 26 terá lugar a gala Cantos na Maré, coa participación de António Zambujo, Sabela, Miguel Araújo e Bifannah.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre