Inicio Galicia A futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria...

A futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria creará polígonos agroforestais voluntarios para devolver á produción as parcelas abandonadas

0

José González salientou que con esta nova ferramenta voluntaria se reestruturarán as parcelas para garantir a rendibilidade dos cultivos, mesmo con procedementos exprés en zonas consideradas prioritarias  


A futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia creará a ferramenta voluntaria dos polígonos agroforestais para devolver á produción as parcelas en estado de abandono ou infrautilización. Foi unha das novidades que destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na xuntanza que mantivo en Ribadavia coas cooperativas do Ribeiro e Beade no marco da rolda de contactos que está a desenvolver con diferentes sectores do rural para explicarlles a norma.

O conselleiro apuntou que a posta en marcha dos polígonos agroforestais requirirá sempre dun axente promotor, que pode ser particular ou a propia administración. Ha de producirse o acordo de integración dun número de titulares de terras que representen, cando menos, un 70% da superficie total. Unha vez acadado, as parcelas reestruturaranse para que teñan un tamaño suficiente que garanta a rendibilidade dos cultivos, podendo producirse contratos de arrendamento ou mesmo cambios de titularidade por compravendas. Neste contexto, o conselleiro insistiu en que será unha ferramenta totalmente voluntaria.

Así, o conselleiro explicou que, ao abeiro dos polígonos agroforestais, daráselle prioridade á recuperación e posta en valor de áreas de concentración parcelaria en situación de abandono ou infrautilización, a explotacións que demanden base territorial ou a terras acaídas para o cultivo de produtos de calidade. José González tamén sinalou que se priorizará a produción de forraxes para o seu aproveitamento por entidades asociativas, actuacións en superficies forestais abandonadas, a recuperación de praderías para gandaría de pastoreo ou de terras orientadas á mellora da biodiversidade ou para fins sociais.

No caso de abandonos cualificados como graves, a futura norma contempla un procedemento “exprés” simplificado para que os polígonos agroforestais poidan botar a andar con axilidade en zonas consideradas prioritarias.

O titular do Medio Rural resaltou que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria complementará e desenvolverá o marco legal actual culminando un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Deste xeito, xunto coas concentracións parcelarias que se seguirán decretando, na nova norma apostarase por mecanismos de mobilización voluntarios de posta en valor que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras como son as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta da terra e as permutas de especial interese agrario. O titular de Medio Rural tamén destacou que se reforzará o Banco de Terras e que se creará o Banco de Explotacións, un instrumento público de mediación que porá en contacto aos titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en tomar o relevo. O obxectivo é garantir a remuda xeracional para evitar o abandono do rural.

A maiores deste obxectivo principal de consolidación de poboación no agro, José González indicou que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia buscará facilitar máis base territorial a aquelas explotacións que a precisen, ao tempo que se procurará previr os incendios e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida no rural. Por iso, ademais dos mecanismos voluntarios de mobilización de terras, a nova norma contemplará beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre