Inicio Galicia A Fundación Galicia Europa convoca cinco bolsas para a formación práctica en...

A Fundación Galicia Europa convoca cinco bolsas para a formación práctica en asuntos europeos durante o ano 2020

0

Estas bolsas formativas están dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional


Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2020.- A Fundación Galicia Europa (FGE), ente instrumental da Xunta de Galicia, vén de publicar unha nova convocatoria de bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea para este 2020, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a empregabilidade da mocidade da nosa comunidade.

Tres das bolsas de formación estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas europeas que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoraranse, preferentemente, as seguintes titulacións: Grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas e da Administración, Relacións Internacionais e Economía. Unha destas bolsas terá lugar na oficina da Fundación Galicia Europa localizada en Santiago de Compostela, mentres que as outras dúas desenvolveranse na oficina de Bruxelas.

A FGE ofrece, ademais, unha bolsa emprazada na oficina de Bruxelas e destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas. O obxectivo é que o beneficiario da bolsa se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades realizadas pola Fundación Galicia Europa á hora de defender os intereses galegos na capital europea e da presenza de Galicia nas institucións da UE e o resto de organismos europeos. Ademais, a Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa dirixida a técnicos superiores en Secretariado ou en Asistencia á Dirección para a realización de prácticas na oficina de Bruxelas.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación completa das solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, ter obtido o título académico dentro dos seis anos previos ao da publicación da presente convocatoria, non ter sido beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE.

As persoas interesadas poderán presentar as súas candidaturas coa documentación requirida ata o próximo día 28 de febreiro de 2020, data na que se pecha o prazo de presentación. As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Fundación Galicia EuropaA Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación Galicia Europa está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A FGE conta con dúas oficinas, unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Pódese acceder a todos os detalles da convocatoria a través do seguinte enlace. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre