Inicio Galicia A Fundación Galicia Europa centrará a súa acción en 2020 no futuro...

A Fundación Galicia Europa centrará a súa acción en 2020 no futuro marco financeiro e na negociación da relación futura entre a UE e o Reino Unido tras o Brexit

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron na segunda reunión do ano do padroado da Fundación Galicia Europa na súa oficina en Santiago de Compostela


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, presidiu esta mañá a segunda reunión anual do padroado da Fundación Galicia Europa (FGE), na que tamén participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e outros responsables autonómicos. O encontro serviu para definir un plan de actuación cos obxectivos e as actividades que a FGE vai desenvolver durante o exercicio seguinte, de cara a defender con garantías os intereses galegos no marco do novo período institucional que se abre agora na Unión Europea. Entre outros obxectivos, centrarase no futuro marco financeiro e naqueles asuntos con máis incidencia na comunidade.

Así, entre as actividades que a Fundación Galicia Europa se propón desenvolver en 2020, o director xeral de Relacións Exteriores destacou, en primeiro lugar, a explicación en Galicia das novas prioridades europeas e programas de financiamento para o período financeiro 2021-2027, centrándose con especial énfase nos programas e proxectos comunitarios de I+D+i. É por iso que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) reforzará o seu apoio e aportación á FGE con vistas a facer un mellor seguimento das políticas europeas e iniciativas baseadas na innovación e no desenvolvemento. Todas estas actuacións buscan facilitar a preparación da comunidade galega ante o novo marco financeiro que se vai iniciar.

Cómpre destacar neste ámbito o programa Europa Dixital, no marco da cal a Xunta apoia xa a posta en marcha dos hubs de innovación dixital Factories of the future (Fábricas do futuro), liderada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e centrada na internet das cousas e a intelixencia artificial; e Datalife, liderada polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e que pon o foco no manexo de grandes cantidades de información (big data). A posta en marcha dos hubs de innovación dixital son un aspecto imprescindible para que Galicia teña acceso aos máis de 9.200 millóns de euros que a Unión Europea ten previstos para o programa Europa Dixital para o período 2021-2027. As negociacións do orzamento europeo continuarán durante o primeiro semestre de 2020, pero a FGE tamén ten previsto actuar con antelación para poder extraer o máximo rendemento aos fondos da política europea de cohesión, facilitando ao mesmo tempo a procura de fontes e mecanismos de financiamento alternativos procedentes doutros programas comunitarios. Neste sentido, a FGE levará a cabo tres accións concretas: a promoción na Xunta de Galicia dun debate sobre a programación dos fondos no futuro marco financeiro plurianual, a elaboración dunha guía de financiamento comunitario 2021-2027 -similar á guía publicada no actual período-, e a orientación do programa TecEuropa á busca de fondos europeos alternativos en base ás experiencias aportadas polos 185 participantes no programa formativo da FGE. De feito, durante o 2020 prevense dúas novas edicións de TecEuropa: unha primeira convocatoria na súa modalidade clásica (semana de formación en Bruxelas e xornada práctica en Santiago) e outra especial, coincidindo coa celebración en Bruxelas da Semana Europea das Rexións e das Cidades.

Pacto Verde EuropeoO equipo da Fundación Galicia Europa tamén realizará en 2020 un estreito seguimento das iniciativas europeas previstas pola Comisión Europea co obxectivo de que a Xunta poida participar activamente nelas. Este é o caso do futuro Pacto Verde Europeo e iniciativas como o novo Plan de Acción para a Economía Circular ou o Pacto Europeo sobre o Clima. Neste eido, Galicia pode aportar a súa experiencia en xestión medioambiental e produción de enerxías renovables ao ser unha das primeiras rexións europeas en contar cunha estratexia específica para alcanzar a neutralidade climática en 2050. Así, Galicia conta coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, e ademais vén de presentar tamén a súa Estratexia galega de Economía Circular 2030. Na mesma liña de actuación, a FGE traballara para que a Xunta de Galicia poida contribuír ao debate sobre o futuro Mecanismo para unha Transición Xusta, fondo pensado para axudar aos cidadáns e rexións europeas máis afectadas pola transición ecolóxica impulsada pola nova Comisión.

Atención á transición demográficaA FGE tamén achegará a perspectiva do goberno autonómico aos debates sobre á nova Estratexia Industrial ou sobre o Libro verde sobre Envellecemento encargado pola nova comisaria de Democracia e Demografía, Dubravka Šuica, de cara a analizar o impacto do cambio demográfico nos países e rexións da UE. Esta prioridade política da Comisión tamén é un ámbito clave para a Xunta, e vai en liña coa futura Lei de impulso demográfico que quere aprobar o executivo galego de cara a paliar o actual estancamento demográfico de Galicia. Neste senso, a FGE seguirá participando na Rede de Rexións afectadas polo Cambio Demográfico (DCRN) para tratar de manter un diálogo directo coa comisaria, e contribuír ao seu obxectivo de axudar a Europa na “transición demográfica” mediante o traslado da visión galega sobre o declive poboacional e sobre as posibles formas de frealo.

Saída británica da Unión EuropeaComo confirmou Gamallo na reunión, a Fundación Galicia Europa continuará prestando atención ao proceso de saída de Reino Unido da UE, facendo especial fincapé ás novidades do sector pesqueiro, con vistas á negociación do acordo pesqueiro entre o Reino Unido e a UE, que haberá que negociar unha vez se materialice o Brexit. En todo caso, a FGE proseguirá co traballo realizado os últimos tres anos, coordinando o grupo operativo sobre Brexit da Comisión do Arco Atlántico no seo da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM). Ademais, seguirá apostando polo Foro Galego do Brexit coa actualización do seu sitio web brexitgalicia.eu e do seu perfil específico en Twitter.

Por último, a Fundación Galicia Europa seguirá deseñando axendas, establecendo contactos coas autoridades europeas pertinentes e asesorando a todos os membros e altos cargos do Goberno galego que se despracen a Bruxelas en visita oficial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre