Inicio Galicia A frota de Cambados recolleu 1.500 quilos de lixo mariño na segunda...

A frota de Cambados recolleu 1.500 quilos de lixo mariño na segunda campaña do proxecto CleanAtlantic na ría de Arousa

0

O 70% dos residuos retirados polas 27 embarcacións de rastro de vieira que participaron a semana pasada nesta acción do Centro Tecnolóxico do Mar estaba elaborado con plástico


A segunda campaña de retirada de lixo mariño na ría de Arousa no marco do proxecto europeo CleanAtlantic, desenvolvida do 2 ao 5 de decembro pola frota de rastro de vieira da confraría de Cambados, saldouse coa recollida de 1.500 quilos de residuos de distinto tipo. A maioría deles, máis do 75%, correspóndese con utensilios ou elementos elaborados con plástico.

Esta acción, organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar no marco do proxecto CleanAtlantic, que coordina o organismo dependente da Consellería do Mar, participaron un total de 27 embarcacións cambadesas durante o desenvolvemento da súa actividade profesional na zona denominada O Canal, na parte interna da ría de Arousa, nunha área comprendida entre Cambados, a Illa de Arousa e O Grove.

Dos 1.504,25 quilos de residuos recollidos nesa área, arredor dun 77% correspondíase con restos de materiais plásticos, concretamente 1.159,77 quilos. O resto eran elementos de goma (6%), metais (4%), produtos orgánicos como madeira procesada ou papel (2,6%), unha pequena porcentaxe de vidro (0,25%) e mesturas de materiais diversos (9,9%).

Os resultados obtidos nesta campaña coinciden en canto ao tipo de residuos recollidos coa acción anterior desenvolvida na ría de Arousa polo proxecto CleanAtlantic. Entre os días 4 e 7 de novembro a frota de bou de vara da confraría de Cambados participou na retirada de lixo nunha zona situada entre Vilanova, a Illa de Arousa e a banda norte da ría de Arousa e recolleu arredor de 3.000 quilos de residuos en só catro días de actividade.

Toda a información extraída destas accións permite coñecer con maior detalle as mellores condicións operativas para a recollida de residuos, a súa orixe e as cantidades, así como os impactos no medio, co que se obteñen datos para deseñar medidas orientadas á redución do lixo que chega ao mar e a súa xestión.

O proxecto europeo CleanAtlantic está financiado polo Programa Espazo Atlántico e ten como obxectivo mellorar as capacidades para previr, monitorizar e reducir o lixo mariño a través da cooperación rexional. O consorcio desta iniciativa está integrado por 19 organizacións de cinco países (España, Francia, Portugal, Irlanda e Reino Unido) e a participación galega está formada polo Cetmar, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadores dos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía (IEO).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre