Inicio Galicia A facturación das lonxas galegas pola venda de berberecho de xaneiro a...

A facturación das lonxas galegas pola venda de berberecho de xaneiro a outubro supera nun 80% a media da última década

0

A extracción incrementouse un 44% en relación coa media dos últimos dez anos e os prezos medios subiron un 20%, co que os datos do que vai de ano roldan xa os obtidos en todo o pasado exercicio

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, detallou hoxe no Parlamento que as lonxas galegas comercializaron entre xaneiro e outubro deste ano máis de 2.250 toneladas de berberecho, unhas vendas que xeraron uns ingresos de preto de 15 millóns de euros. Estes niveis de descargas, explicou a titular de Mar, supoñen un aumento do 78% na facturación en relación coa media dos últimos dez anos e do 34% respecto ao mesmo período de 2018. En canto ao produto comercializado, a suba é do 33% en relación cos dez primeiros meses do pasado exercicio e do 44% se se compara coa media da última década.

Estes resultados, incidiu a representante do Executivo galego, supoñen roldar xa as cifras obtidas en todo o 2018, no que se extraeron das rías galegas algo máis de 2.480 toneladas deste molusco e se facturaron 15,5 millóns de euros nas lonxas. Por iso, defendeu que os datos confirman que se está a producir a recuperación desta especie.

Non obstante, a conselleira do Mar fuxiu dos triunfalismos e instou a esperar a que estas boas cifras se confirmen, reforcen e consoliden. Por iso, descartou facer previsións a longo prazo do comportamento do berberecho pois os seus resultados dependen de numerosas variables como son as choivas e a chegada de auga doce aos bancos, os afloramentos e presenza de toxinas, a presenza de depredadores ou patoloxías e o volume de extracción realizado anteriormente, que pode afectar aos recrutamentos.

Precisamente, Rosa Quintana lembrou que a Xunta leva anos traballando nestes eidos co obxectivo de rexenerar as zonas improdutivas, racionalizar a explotación deste recurso, buscar avances no control e predición de mareas vermellas e presenza de toxinas en xeral así como a busca de aplicacións prácticas para evitar a influencia e impacto de parasitos como a marteilia. Neste último caso, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, ten en marcha tres proxectos no bienio 2019-2020 de estudo deste parasito e para mellorar a produción de berberecho por importe de case 500.000 euros.

A titular de Mar tamén destacou a importancia neste eido do proxecto europeo Cockles, cun investimento global de 3,4 millóns de euros e no que participan varios entes dependentes do Executivo galego para optimizar o cultivo do berberecho e a obtención dunha mellora xenética para producir estirpes resistentes á marteiliose.

Rosa Quintana lembrou que o seu departamento traballou desde 2012 -ano no que apareceu o parasito marteilia no berberecho- para minimizar o seu impacto e mellorar a produción do bivalvo e incidiu en que a importancia e o rendemento do berberecho se ve na lonxa, polo que apostou por favorecer un aumento das cotizacións que xa se está a rexistrar.

De feito, en 2019 o prezo medio en primeira venda deste molusco é un 20% superior á media da última década, o que favoreceu eses bos datos de facturación no conxunto de Galicia sumado ao aumento das cantidades extraídas. “De nada serve ter grandes cantidades de produto se non o valorizamos axeitadamente e de nada serve extraer grandes cantidades se o único que facemos é debilitar a capacidade de recrutamento de novos exemplares”, concluíu a conselleira do Mar.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre