Inicio Galicia A exposición Galicia en Foco amosa na delegación da Xunta en Lugo...

A exposición Galicia en Foco amosa na delegación da Xunta en Lugo unha escolma das mellores imaxes do fotoxornalismo galego

0

A mostra permanecerá exposta ata o 31 de marzo e pode visitarse de luns a venres en horario ininterrompido de mañá e tarde e os sábados pola mañá


A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle dende hoxe a exposición Galicia en Foco, unha escolma de medio cento de imaxes que se contan entre as mellores fotografías publicadas en medios de comunicación galegos durante o ano 2018.

A mostra corresponde á 28 edición do certame Galicia en Foco que convoca o Club de Prensa de Ferrol, e chega a Lugo da man do Grupo Cinematográfico Fonmiñá. Na inauguración participaron, entre outros, a delegada territorial en funcións da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, a presidenta do club de prensa ferrolán, Xulia Díaz Sixto, e Xulio Xiz e Eduardo Ochoa, presidente e responsable de fotografía de Fonmiñá respectivamente.

Tamén a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que participaba nunha xuntanza de traballo na Delegación Territorial, aproveitou posteriormente para visitar a exposición e intercambiar impresións cos organizadores.

A mostra permanecerá exposta no Edificio Administrativo da Xunta ata o día 31 de marzo e pode ser visitada en horario ininterrompido de mañá e tarde de luns a venres -ata as 19.00 horas- e os sábados pola mañá, con entrada libre e gratuíta.

As imaxes amosan o acontecer en Galicia ao longo dun ano, retratando aspectos como a cultura, os conflitos sociolaborais ou as tradicións. A instantánea gañadora foi tomada polo fotoxornalista Ángel Manso nunha protesta dos traballadores de Alcoa na Coruña. No apartado de reportaxe gráfica recibiu unha mención de honra o traballo asinado por Agostiño Iglesias sobre a festa da Virxe do Cristal en Baños de Molgas (Ourense).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre