Inicio Galicia A exposición 'Galicia, de Nós a nós' despídese do Gaiás con 15.000...

A exposición 'Galicia, de Nós a nós' despídese do Gaiás con 15.000 visitantes e inicia a súa itinerancia a Ourense e Pontevedra

0
image_gallery.jpg

É a segunda gran exposición do Goberno galego na Cidade da Cultura ao abeiro do Xacobeo 2021 e organízase en colaboración coa Deputación de Ourense


A mostra Galicia, de Nós a nós remata esta semana a súa estadía no Museo Centro Gaiás superando os 15.000 visitantes –aos que se suman os 4.500 estudantes de secundaria que participaron no seu programa de visitas en liña– e coa ollada posta nas itinerancias que a levarán a Ourense e a Pontevedra nos vindeiros meses. A Cidade da Cultura afonda así nun dos seus obxectivos estratéxicos, converténdose en provedora de contidos e proxectos culturais para outros centros expositivos de Galicia, unha liña xa explorada no pasado e que xogará un papel central a partir de agora.

Organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, Galicia, de Nós a nós é a segunda gran exposición do Xacobeo 2021 e a mostra central do Goberno galego con motivo da conmemoración en 2020 do centenario da revista Nós. Este domingo é o último día para visitar na Cidade da Cultura esta mostra que, con máis de 300 pezas, se erixe como o proxecto expositivo máis ambicioso realizado ata o de agora sobre a Xeración Nós e o seu legado, exhibindo obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores.

Comisariada polo investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña, foi inaugurada o pasado 2 de outubro no Museo Centro Gaiás. Ao longo destes máis de tres meses, e atendendo á situación especial xerada pola covid-19, a mostra contou cun intenso programa de visitas comentadas regulares con prazas moi limitadas, polo que se multiplicaron as quendas para atender axeitadamente á demanda e lograr que máis de 800 persoas puidesen participar nestas visitas guiadas.

Paralelamente, organizouse o ciclo Arredor de Nós, que programou cinco visitas en sala a modo de relatorio, centradas en aspectos concretos da exposición e guiadas por grandes especialistas nesa materia. Todas elas foron gravadas en vídeo e colgadas na rede, onde foron xa seguidas por preto de 1.300 persoas e permanecen á disposición de todos aqueles que estean interesados en descubrir a exposición dunha ollada diferente.

Programa didácticoGalicia, de Nós a nós foi tamén a primeira exposición do Gaiás á que o alumnado galego puido achegarse sen saír do centro de ensino, grazas a un programa da Xunta –pioneiro en Galicia– de visitas didácticas por videoconferencia. O Museo Gaiás estreaba esta iniciativa o pasado mes de outubro para levar ás aulas as súas exposicións e dar continuidade na rede ao seu consolidado programa didáctico de visitas ao complexo no que só en 2019 participaran máis de 14.000 estudantes. Así, entre outubro e ata este venres 15 de xaneiro, sumarán 4.485 os alumnos ESO e Bacharelato que, tirando proveito da tecnoloxía, puideron afondar na historia e legado da revista e a Xeración Nós grazas a esta exposición e sen desprazarse dos seus centros de ensino, nun momento no que as actuais medidas de contención da pandemia limitan as saídas escolares programadas.

ItineranciasTras a súa estancia no Museo Centro Gaiás, a mostra comezará unha itinerancia no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense, onde se poderá visitar entre o 18 de febreiro e o 18 de abril de 2021. Tanto o número de pezas como a montaxe serán as mesmas que na Cidade da Cultura, aínda que se dará máis peso a Ourense como cidade Nós no relato expositivo, a través de gráficas específicas que incluirán mapas, relacións de colaboradores e localizacións protagonistas da revista, etc.

Esta itinerancia realízase en virtude do acordo coa Deputación de Ourense –entidade coorganizadora da mostra–. A continuación, entre o 20 de maio e o 11 de xullo de 2021, a mostra itinerará ao Museo de Pontevedra.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre