Inicio Galicia A execución da nova senda entre Alba e San Caetano, en Pontevedra,...

A execución da nova senda entre Alba e San Caetano, en Pontevedra, fará necesario o corte da estrada PO-225 a partir do vindeiro 12 de agosto

0

Este peche da circulación é preciso para permitir o avance nos traballos e garantir a seguridade de peregrinos, veciños e usuarios da vía

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2020.- A execución da nova senda peonil entre Alba e San Caetano, en Pontevedra, fará necesario o corte da estrada PO-225 a partir do vindeiro 12 de agosto.

Este peche da circulación é preciso para permitir o avance nos traballos, así como para garantir a seguridade de peregrinos, veciños e usuarios da vía.

O corte permitirá o acceso a residentes e locais comerciais, polo que a circulación quedará limitada aos veciños da zona e ao tráfico pesado cara ás industrias existentes. Para isto, posibilitarase a utilización de parte dun carril, valado para o tránsito de peóns e peregrinos, habilitando un paso de 1,80 metros; así como outro carril e medio, coa oportuna regulación, para a circulación do resto de vehículos.

O citado peche estará axeitadamente sinalizado para facilitar a mobilidade nesta contorna.

Cómpre lembrar que a Xunta comezou recentemente os traballos de construción deste itinerario, que suporá un investimento próximo aos 640.000 euros.

Construirase unha senda duns 600 metros no treito da estrada PO-225, que conecta as poboacións de Alba e San Caetano e as empresas situadas na zona, e que que coincide coa traza do Camiño de Santiago Portugués. A senda executarase pola marxe esquerda da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 0+370 e o 0+940, e desde o 0+820 ao 0+910 pola marxe dereita. Para acometer este itinerario será necesario rectificar a curva existente entre os puntos quilométricos 0+860 e 0+940; reordenar a intersección no punto 0+910, mellorando a súa seguridade; e instalar unha pasarela de 13,10 m de lonxitude sobre o río Cortes, que permite evitar o tránsito de peóns por un punto estreito da estrada. Esta intervención ten por finalidade incrementar a seguridade de veciños e dos peregrinos nos seus desprazamentos polo Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Alba e San Caetano. O obxectivo da Xunta é ter finalizados os traballos este mesmo ano e que a senda estea lista para ser empregada polos peregrinos que acudan a Compostela no Xacobeo 2021. O itinerario foi planificado polo Goberno galego no marco do Plan de Sendas na comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre