Inicio Galicia A execución da fase final da senda peonil entre Alba e San...

A execución da fase final da senda peonil entre Alba e San Caetano, en Pontevedra, fará necesario o corte total de tráfico neste treito da estrada PO-225 desde mañá ata o martes día 30

0
image_gallery.jpg

Co obxectivo de rematar esta actuación antes de fin de ano, a vindeira semana levaranse a cabo o formigonado da vía na zona da ponte e a colocación da pasarela


A execución da fase final da nova senda peonil entre Alba e San Caetano, en Pontevedra, fará necesario un corte total de tráfico neste treito da estrada PO-225 desde mañá ata o vindeiro martes día 30 de novembro.

A Xunta está a acometer os últimos traballos coa fin de finalizar este itinerario antes de finais de ano. Para avanzar nestas obras, este peche da circulación permitirá realizar o formigonado da vía na zona da ponte, así como a colocación da pasarela proxectada.

A partir da realización destes traballos, desde o martes 30 ata o venres 4 de decembro, retomaríase a situación actual de tráfico restrinxido só a residentes. E o venres 4 abriríase ao tráfico de modo completo, prevéndose ata final da obra afeccións puntuais para o estendido de aglomerado, supeditado ás condicións meteorolóxicas, e a colocación de báculos de iluminación.

Cómpre lembrar que ata o momento a circulación neste tramo de estrada está restrinxida aos residentes na área co obxectivo de facilitar os seus desprazamentos.

A Consellería de Infraestruturas iniciou en xullo a construción desta senda, cun investimento de preto de 700.000 euros, coa fin de favorecer a mobilidade dos condutores que van á zona industrial e dos veciños e peregrinos que transitan por este treito do Camiño Portugués.

O itinerario ten unha lonxitude de máis de 700 metros: pola marxe esquerda da estrada, preto de 600 metros continuos e pola dereita, o que resta, construíndose en dous treitos.

Para separar a senda da estrada, onde sexa posible disponse unha franxa axardinada que, ademais de mellorar a estética e a integración paisaxística do itinerario, contribuirá ao reforzo da seguridade de peóns e peregrinos.

Na zona do río, prevese a execución dunha pasarela metálica peonil de algo máis de 13 metros, a rectificación dunha curva e a reordenación da intersección existente neste treito.

Esta actuación, enmarcada no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Pontevedra, está cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre