Inicio Galicia A espera media cirúrxica en Galicia sitúase en 59,8 días, por primeira...

A espera media cirúrxica en Galicia sitúase en 59,8 días, por primeira vez por debaixo dos 60 no primeiro semestre de ano

0

O Sergas rexistra o mellor dato de espera media para as enfermidades máis graves (prioridade 1), con 14,9 días

O tempo medio de espera cirúrxica global do Servizo Galego de Saúde foi ao final do mes de xuño de 2018 de 59,8 días en todos os centros. O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, destacou que con estes datos Galicia se sitúa por primeira vez por debaixo dos 60 días no primeiro semestre, e consolida a tendencia dos últimos anos cos mellores rexistros dende 2007.

Na presentación do balance de actividade referido ao primeiro semestre de 2018, Fernández-Campa destacou que Galicia continúa a manterse entre os mellores indicadores do Sistema Nacional de Saúde, que segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade é de 106 días de espera media a decembro de 2017 e de 104 días en xuño de 2017.

A 30 de xuño de 2018 o tempo medio de espera cirúrxica en pacientes de prioridade 1 é de 14,9 días. Fernández-Campa destacou que este dato está por debaixo do dato do ano pasado e se trata do mellor dato rexistrado para esta prioridade. Polo tanto o Sergas rebaixou o obxectivo fixado á metade de tempo, garantindo o compromiso de atender estas patoloxías máis graves en menos de 30.

Con respecto da Lei de Garantías, o xerente do Sergas destacou que 21.792 persoas beneficiáronse da garantía establecida coa entrada en vigor do decreto de tempos máximos o pasado 10 de xaneiro. Este decreto garante a atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente nun máximo de dous meses para intervencións cirúrxicas. O texto normativo tamén fixa un máximo de 45 días para as primeiras consultas externas e 45 días para as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas en atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente. Todos os casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Servizo Galego de Saúde.

Menos espera media en consultas, probas diagnósticas e vías rápidasO tempo medio de espera para as primeiras consultas de enfermidade se consolida por debaixo dos 40 días. En concreto situouse nos 37,3 días de espera media, un día por debaixo do mesmo período ano 2017, e moi por debaixo da media de espera do Sistema Nacional de Saúde, situado en 66 días en decembro de 2017, e en 50 días en xuño de 2017. Así mesmo, o xerente sinalou o tempo de espera media para as probas diagnósticas que se sitúa en 59,1 días, 10 días menos que o ano anterior.

Con respecto das vías rápidas, o xerente remarcou que o Sergas segue a traballar na súa implantación e desenvolvemento para dar unha resposta aos nosos pacientes de acordo ás súas necesidades, xa que están orientadas a procesos que requiran unha intervención rápida por motivos de gravidade do doente. Neste primeiro semestre de 2018, 8.334 pacientes beneficiáronse deste procedemento e tiveron unha espera media de 4,7 días, cifra similar aos 4,6 días de espera media do ano anterior na mesma data. Actualmente, e dende 2016 en todos os hospitais do Sergas están implantadas as vías rápidas para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cabeza e colo, e melanoma.

Aumento global da actividadeFernández-Campa salientou o aumento da actividade global do Servizo Galego de Saúde realizou neste primeiro semestre de 2018. Así, realizáronse 16.204.670 consultas, 197.572 máis que entre xaneiro e xuño de 2017; o que supón unha media de 127.040 consultas ao día.

Do total dos 16 millóns de consultas: 13.405.402 foron en Atención Primaria e 2.799.268 en hospitais. Realizáronse 25.374 consultas hospitalarias máis que no mesmo período do ano anterior e cómpre destacar que durante este semestre realizáronse 64.959 consultas non presenciais, 10.066 máis que no mesmo período do ano anterior (un 18,34% máis).

En total realizáronse 534 intervencións cirúrxicas máis que no mesmo período do ano anterior, isto é un 0,49% de incremento de actividade con respecto de 2017. Da totalidade de intervencións cirúrxicas en quirófanos ou en salas especiais rexistraron un total de 110.374 intervencións. 93.413 destas intervencións cirúrxicas foron programadas e 16.961 urxentes; o 54% do total destas intervencións foron ambulatorias (59.054 intervencións, fronte a 51.320 que foron con ingreso) polo que non precisaron estancia hospitalaria no paciente.

No que atinxe ás probas diagnósticas, realizáronse neste primeiro semestre de 2018 un total de 1.650.135 probas diagnósticas, 125.896 máis que no mesmo período do ano anterior. Isto reflicte unha media de 13.096 día se contamos 126 días laborables (practicamente 1.000 probas ao días máis que en en 2017).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre