Inicio Galicia A escritora Célia Fraga gaña a sexta edición do Premio Nortear destinado...

A escritora Célia Fraga gaña a sexta edición do Premio Nortear destinado a promocionar novos escritores de Galicia e o Norte de Portugal

0

A súa obra ‘Ganapos’ foi elixida polo xurado entre as case 30 recibidas e recibirá un premio de 3.000 euros e a publicación dun mínimo de 500 exemplares

O xurado da sexta edición do Premio Nortear escolleu a obra “Ganapos” da escritora portuguesa Célia Fraga, como vencedora do galardón deste ano, dotado con 3.000 euros e coa publicación de 500 exemplares en edición bilingüe, galego e portugués.

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) colaboran no desenvolvemento deste certame destinado a recoñecer as obras literarias orixinais de ambos lados da fronteira, ao mesmo tempo que se incentiva a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa co lanzamento de novos escritores, así como o fomento da circulación e distribución de obras literarias entre a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O xurado elixiu a obra da escritora de Vila Nova de Gaia entre as 28 obras presentadas nesta edición -9 escritas en galego e castelán e 19 en portugués-, por contar cunha escrita elegante, madura e coherente, e cunha forte utilización da estética. Ademais, sinalou a calidade dos traballos presentados nesta edición e a uniformidade na temática en torno á covid-19.

Nas seis edicións precedentes deste concurso participaron arredor de 230 publicacións presentadas por mozos entre 16 e 36 anos. Así, Célia Fraga súmase ás escritoras galegas Lara Dopazo, Cecilia Santomé e Sabela Varela e aos dous escritores portugueses, Rui Cerqueira Coello e Sara Brandao como vencedores deste galardón.

O premio literario Nortear enmárcase no proxecto europeo co mesmo nome, levado a cabo pola AECT da Eurorrexión en colaboración coa Xunta e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, baseado na vontade dos organismos implicados de promover a cooperación multicultural transfronteiriza na Eurorrexión, co obxectivo de converter a cultura de Galicia e o Norte de Portugal en referente a nivel europeo.

Plataforma webDebido ao éxito da iniciativa cultural Nortear, a AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal promoveu a posta en marcha dunha plataforma web, desde a que se optimizará a xestión integral de tódalas iniciativas e actividades asociadas a este programa, ao mesmo tempo que se simplificarán os procedementos para participar e xestionar as convocatorias do premio literario Nortear, coa presentación das obras por plataforma electrónica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre