Inicio Galicia A directora de augas de Galicia salienta que as obras de modernización...

A directora de augas de Galicia salienta que as obras de modernización da potabilizadora municipal de Pontedeume avanzan a bo ritmo para reforzar a garantía do abastecemento

0
image_gallery.jpg

Destaca o progreso dos traballos para dotar a planta dunha cámara de mestura rápida, automatizar todo o novo proceso e mellorar a filtración


Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020.- A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que as obras de modernización da potabilizadora municipal de Pontedeume avanzan a bo ritmo coa fin de reforzar o sistema de abastecemento de auga.

A Xunta investirá 1,5 millóns de euros na emerxencia do río Eume e no abastecemento de Pontedeume, destinando a maior parte dese orzamento á modernización da potabilizadora municipal.

Teresa Gutiérrez sinalou que se está traballando para dotar á potabilizadora municipal dunha cámara de mestura rápida, previa ao actual tratamento, que permitirá optimizar os equipos da planta.

Precisou que as actuacións tamén inclúen a automatización de todo o novo proceso e o reforzo da filtración.

Augas de Galicia, tras analizar distintas alternativas, concluíu que a medida máis áxil e eficiente é actuar nesta planta municipal, que carece de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e consta dun decantador con pouca capacidade de filtrado.

A Xunta vén colaborando co Concello de Pontedeume desde que se iniciaron os episodios de turbidez nesta contorna, adoptando un conxunto de medidas que permitiron restablecer o consumo de auga.

Para isto, aplicáronse tratamentos físico-químicos nas instalacións e estendéronse barreiras de contención no río Eume, entre outras actuacións.

A directora sumoulle a estas actuacións o seguimento que se vén levando a cabo no río Eume. Puntualizou que unha empresa especialista en emerxencias ambientais está a efectuar unha campaña de mostraxes, ampliando o alcance do control, pois fronte aos tres puntos establecidos previamente, estase a analizar a auga en dous puntos no encoro e noutros cinco no río.

Apuntou que tamén se están a tomar mostras de sedimentos, arroxando as últimas analíticas uns niveis e parámetros habituais da xeoloxía da conca.

Lembrou que Augas de Galicia, no marco do proxecto de modernización dos desaugadoiros de fondo da presa do Eume, xa realizou o ano pasado analíticas de sedimentos cuxos resultados concluíron que os parámetros se atopan dentro dos valores establecidos pola normativa.

A Xunta xa procedeu á incoación dun expediente sancionador á empresa que explota o encoro por incumprir os requirimentos efectuados e non seguir as directrices de explotación do encoro.

O Goberno galego xa ten avanzado que tamén lle repercutirá á citada empresa os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento de Pontedeume. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre