Inicio Galicia A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha...

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Marín

0
image_gallery.jpg

A nova representante territorial iniciou neste concello unha rolda de presentacións con motivo do seu nomeamento e recolleu as demandas relativas á administración autonómica


A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, iniciou hoxe unha rolda de visitas institucionais no concello de Marín onde mantivo unha entrevista coa súa alcaldesa, María Ramallo, quen lle transmitiu as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.

Entre os principais temas que se analizaron durante o encontro, atopáronse proxectos futuros como o novo auditorio de Marín, así como as obras relacionadas con Augas de Galicia e Infraestruturas, acordando visitar proximamente algunha delas co obxectivo de comprobar a súa evolución, en especial, as sendas que se están a levar a cabo nestes intres e que, segundo apuntou a propia rexedora, avanzan a bo ritmo.

María Ramallo agradeceu á nova delegada que iniciara a rolda de visitas aos concellos precisamente no seu municipio e felicitouna polo seu nomeamento, destacando o seu carácter municipalista como anterior alcaldesa de Moraña.

María Luisa Piñeiro, pola súa banda, agradeceu o traballo que está a desenvolver María Ramallo ao fronte da corporación de Marín e en especial, a súa colaboración constante coa administración autonómica, en especial, “nestes intres tan complexos que estamos a vivir coa situación da Covid-19 e o feito de que Marín estea dentro do grupo de concellos que contan con especiais restricións. A súa total colaboración facilita a labor da administración, e en concreto, de Sanidade”.

A delegada territorial engadiu que nos próximos días estará a visitar os diferentes concellos das comarcas do Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Pontevedra, Salnés, Caldas de Reis, Morrazo, Baixo Miño e Condado-Paradanta, de cara a recoller as necesidades e demandas dos mesmos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre