Inicio Galicia A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación da XXXIII edición da...

A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación da XXXIII edición da Feira do Queixo do Cebreiro, declarada de interese turístico de Galicia

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, lembrou que hoxe mesmo comeza o prazo para que as festas con este distintivo poidan solicitar as axudas da Consellería de Cultura e Turismo


A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da XXXIII edición da Feira do Queixo do Cebreiro, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebra o 19 de abril -Venres Santo- en Pedrafita.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, estivo acompañado no acto polo alcalde do municipio, José Luis Raposo; Enrique Fernández, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo do Cebreiro; a xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, María José Gómez, e a deputada provincial Pilar García Porto.

Na presente edición da feira participarán 100 expositores, xa que ademais dos queixos póñense a venda outros produtos alimentarios e de artesanía. Abrirase ás 9.30 horas da mañá e ás 13.00 horas pronunciará o pregón Manuel Lolo Aira, conselleiro executivo de AMSlab e natural de Pedrafita do Cebreiro.

A Feira do Queixo do Cebreiro está consolidada como un dos eventos gastronómicos con máis sona da provincia grazas á singularidade e á calidade do seu produto, que se acredita cunha denominación de orixe propia que o pasado ano comercializou entre 80.000 e 90.000 pezas.

A Xunta colabora coa denominación de orixe a través da Consellería do Medio Rural e tamén coa organización da feira, a través da Consellería de Cultura e Turismo. Neste sentido, cabe lembrar que hoxe mesmo comeza o prazo para que os concellos poidan solicitar as axudas para as festas de interese turístico, que estará aberto durante un mes.

Na presente convocatoria, a Xunta contempla dobrar a contía que recibía cada evento, ata os 7.500 euros, basicamente debido a que introduce dúas liñas de axudas: a tradicional para gastos de organización e promoción e unha segunda para a posta en marcha, durante a celebración das festas, da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: AgresiónsOff, Eu digo non á violencia sexual. Ambas poden alcanzar os 6.000 euros de importe, aos que se suman os 1.500 procedentes dun convenio de Turismo de Galicia con Abanca.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre