Inicio Galicia A creación da aldea modelo de Xacebáns en Quintela de Leirado suporá...

A creación da aldea modelo de Xacebáns en Quintela de Leirado suporá actuar nun perímetro dunhas 30 hectáreas e 622 parcelas

0

José González trasladou que se trata de promover unha reactivación económica para permitir a recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da poboación, ao tempo que se persegue anticiparse aos lumes forestais

O conselleiro do Medio Rural, José Gónzalez, explicoulles hoxe aos veciños de Xacebáns, no concello ourensán de Quintela de Leirado, e ao seu alcalde, José Antonio Pérez, as características e vantaxes do proxecto de creación dunha aldea modelo neste núcleo de poboación. A actuación realizaríase nun total de 622 parcelas pertencentes a 132 propietarios, cun perímetro de algo máis de 30 hectáreas.

A iniciativa de crear estas aldeas modelo -trasladou o conselleiro- xurdiu a partir do convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural, a empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para protexer os núcleos rurais, máis concretamente na addenda asinada entre as partes en abril pasado e renovada nunha segunda addenda a finais de novembro.

José González salientou que esta medida está a rexistrar unha moi boa acollida no rural galego, ata o punto de que xa son 252 os concellos incorporados e outros tres están ultimando os trámites para adherirse, o que significa que máis do 80% dos municipios da comunidade autónoma están sumados ao convenio.

O obxectivo destes traballos é a recuperación da actividade socioeconómica neses núcleos, co fin de permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación, ao tempo que se busca tamén unha anticipación aos lumes forestais, creando unha devasa natural fronte eles.

A Consellería do Medio Rural recibiu xa 47 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo en toda Galicia. Delas, atópanse en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas, repartidas en case 13.000 parcelas duns 3.200 propietarios, destacou González.

Faixa próxima ás vivendasConsonte aos obxectivos marcados, nestes núcleos realizarase a limpeza e a recuperación da faixa dos 50 metros máis próxima ás vivendas, no marco do convenio de protección das aldeas. O resto dos terreos ata o total da actuación será posto en produción mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), en colaboración cos produtores interesados no seu aproveitamento, para así crear actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras ou a posta en marcha de gandarías, etc.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto significa -trasladou González- que a aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.

O titular de Medio Rural avanzou por último que a Consellería destinará nos orzamentos de 2020 un total de 4,5 millóns de euros para impulsar tanto esta iniciativa de aldeas modelo como, en xeral, diferentes proxectos de mobilidade de terras. Isto suporá duplicar os 2 millóns achegados para esta finalidade en 2019.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre