Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural promove a mobilidade de terras no concello...

A Consellería do Medio Rural promove a mobilidade de terras no concello ourensán de Allariz

0

O director xeral de Desenvolvemento Rural mantivo unha reunión cos veciños da parroquia de San Vitoiro para trasladarlles as posibilidades de recuperación que hai dentro da normativa actual


O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo unha reunión cos veciños da parroquia de San Vitoiro, no concello ourensán de Allariz, para trasladarlles as posibilidades de mobilización de terra dentro da normativa actual. Unha iniciativa que conleva unha dinamización da contorna e permite ás explotacións agrogandeiras da zona poder aumentar a súa base territorial, co fin de mellorar a súa rendibilidade e sustentabilidade.

O director xeral, que estivo acompañado do xefe territorial da consellería, Yago Borrajo, e de diverso persoal técnico, abordou cos veciños o traballo que se desenvolve dende o Banco de Terras de Galicia. A maiores, explicou os obxectivos que se perseguen coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria. A finalidade, salientou, é promover a mobilización de terras abandonadas para sacarlle rendemento e permitir que os veciños interesados poidan facer uso deste recurso, o que tamén redundará na prevención de incendios forestais.

Esta xuntanza coincide ademais coa publicación no Diario Oficial de Galicia dun novo paso máis na reestruturación parcelaria da zona, San Vitoiro-Urros, que afecta unha superficie de 445 hectáreas de 767 propietarios. Unha zona de reorganización territorial principalmente dedicada ao cultivo de cereal. Neste senso, o director xeral avanzoulles que este ano darase por rematado administrativamente este proceso, quedando só a entrega de títulos de propiedade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre