Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural promocionará os viños galegos de calidade no...

A Consellería do Medio Rural promocionará os viños galegos de calidade no salón Vinisterrae que se celebrará en Expourense a próxima semana

0

A consellería celebrará catas comentadas e talleres prácticos, así como visitas a adegas e zonas produtoras de viño


O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, participou hoxe na presentación da octava edición de Vinisterrae, o salón do viño e licores galegos de calidade que se celebrará os días 1 e 2 de abril en Expourense, coorganizada entre o recinto feiral, a Deputación de Ourense e a propia Consellería do Medio Rural, da que depende a Agacal.

En concreto, segundo transmitiu Manuel Rodríguez durante a rolda de prensa de hoxe en Ourense, a Xunta organizará un amplo programa de actividades entre as que destacan catas comentadas dos viños gañadores dos Acios de Ouro, así como talleres prácticos específicos. Ademais, Agacal e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) contarán cun espazo propio na feira, na que terán presencia como expositores os premiados nas Catas dos Viños e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2018. A consellería tamén creará o túnel dos viños, con 54 metros cadrados onde se exporán e degustarán caldos galegos adheridos ás denominacións de orixe ou indicación xeográficas protexidas, así como augardentes e licores tradicionais de Galicia.

O director da Agacal explicou tamén que a Xunta completa a súa colaboración coa feira organizando diversas visitas a adegas e zonas produtoras de viño. O obxectivo é que os compradores coñezan tanto o produto coma os medios de produción e o entorno natural que lle proporcionan unha calidade única e diferencial aos viños galegos.

Os participantes na rolda de prensa destacaron este salón como unha cita de gran interese para o sector e, en xeral, para os amantes dos viños e augardentes de calidade. Ademais, a nivel profesional é un marco propicio para fomentar sinerxías con outros ámbitos como a hostalería e o turismo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre