Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural levanta a prohibición de plantar pataca en...

A Consellería do Medio Rural levanta a prohibición de plantar pataca en nove concellos galegos afectados pola couza

0

O DOG publica hoxe a resolución que fai efectivo o acordo acadado co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación


Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que levanta a prohibición de plantar pataca en nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca. A medida faise efectiva despois do acordo acadado en Madrid entre o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director xeral de Sanidad de la Producción Agraria, Valentín Almansa.

O levantamento da prohibición de plantar pataca beneficiará os agricultores dos concellos coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, así como os dos municipios lucenses de Ourol e Abadín. A resolución deixa de considerar estas localidades zonas infestadas pola couza ao non teren rexistrado ningunha captura nos dous últimos anos e pasa a englobalas na demarcada como zona tampón. Isto supón que se lles permitirá plantar pataca pero que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural, que manterá as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación co obxectivo último de controlar a expansión da couza.

Por outra banda, a resolución que publica hoxe o DOG exclúe da zona tampón toda a superficie dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na provincia da Coruña, e dos municipios de Xermade e Vilalba na provincia de Lugo. Desta forma, adquiren o status de zona libre de couza e deixan de estaren sometidos a control por parte da Consellería.

Por último, a resolución especifica as parroquias e concellos das provincias da Coruña e Lugo que seguen incluídos na denominada zona tampón. Tamén concreta os municipios que continúan infestados pola couza guatemalteca, onde se mantén a expresa prohibición do cultivo de pataca.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre