Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con...

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,45 h de hoxe

0

Activo un incendio na Illa de Ons, concello de Bueu, que afecta unhas 4 hectáreas do Parque Nacional das Illas Atlánticas e evoluciona favorablemente

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,45 h. de hoxe.

ACTIVOSBueuActivo dende as 16,56 h. desta tarde un incendio na Illa de Ons, no concello pontevedrés de Bueu, que evoluciona favorablemente. Segundo as primeiras estimacións, afecta unhas 4 hectáreas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 2 axentes, 4 brigadas e 1 motobomba.

CONTROLADOSMontederramoControlado ás 20,29 h. o lume que comezaba o luns no municipio ourensán de Montederramo, parroquia de Gabín. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 30 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 17 axentes, 27 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 6 avións.

Chandrexa de QueixaControlado ás 20,13 h. o lume que se orixinou o domingo na parroquia de Queixa, concello ourensán de Chandrexa de Queixa. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 500 hectáreas. Na súa extinción levan traballado ata o de agora 1 técnico, 18 axentes, 35 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 12 helicópteros e 2 avións.

ManzanedaControlado ás 20,11 h. o lume rexistrado o luns no municipio ourensán de Manzaneda, parroquia de Cernado. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 850 hectáreas. No seu control levan traballado 1 técnico, 11 axentes, 23 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 10 avións.

Controlado tamén ás 20,11 h. o lume iniciado o luns neste municipio pero na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro orixinado na parroquia de San Martiño, o que evidencia a clara intencionalidade. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 400 hectáreas. No lugar levan traballado ata o momento 1 técnico, 22 axentes, 45 brigadas, 30 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 4 avións.

LobiosControlado ás 18,20 h. desta tarde o lume orixinado o sábado no municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta provisionalmente unhas 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 41 axentes, 90 brigadas, 56 motobombas, 1 pa, 13 helicópteros e 8 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

MuíñosControlado tamén ás 18,20 h. desta tarde o lume que entraba esta pasada noite no Parque Natural do Xurés, procedente de Portugal e que afecta o concello ourensán de Muíños, parroquia de Prado de Limia, e o limítrofe municipio de Lobios. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é dunhas 150 hectáreas. No lugar levan traballado ata o momento 9 axentes, 24 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 7 avións.

Vilar de BarrioContinúa controlado, dende as 21,00 h. do mércores, o lume que se iniciou o sábado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 14 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

EXTINGUIDOSCualedroExtinguidos ás 20,34 h. os dous incendios rexistrados no concello ourensán de Cualedro, parroquia de Montes. O meirande dos lumes iniciouse o domingo e afectou 1.300 hectáreas, das cales 30 son arboradas e o resto de monte raso. Mobilizáronse 1 técnico, 29 axentes, 45 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O segundo dos incendios comezou o luns e afectou 68 hectáreas de monte raso. Na súa extinción participaron 9 axentes, 8 brigadas, 10 motobombas e 5 helicópteros.

A Pobra de TrivesExtinguido ás 20,28 h. o lume que se iniciara o luns no concello ourensán da Pobra de Trives, parroquia de Pena Petada, que afectou unhas 50 hectáreas de monte raso. Traballaron 2 axentes, 4 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.

Rairiz de VeigaExtinguido ás 20,25 h. o lume rexistrado o domingo no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz. Segundo as últimas medicións, afectou 251,5 hectáreas, das cales 109 son arboradas e o resto de monte raso. Na súa extinción mobilizáronse 28 axentes, 51 brigadas, 38 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A MezquitaExtinguido ás 20,24 h. o lume que entrou o luns dende Zamora e que afecta o concello da Mezquita, parroquia de Cádavos. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 524,91 hectáreas, das cales 42,68 son arboradas e o resto de monte raso. Para a súa extinción mobilizáronse 9 axentes, 26 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.

Vilariño de ConsoExtinguido ás 20,19 h. desta tarde o lume rexistrado o domingo no municipio ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido. Segundo as últimas medicións, afectou 817 hectáreas, das cales 41 son arboradas e o resto de monte raso. Mobilizáronse 22 axentes, 45 brigadas, 18 motobombas, 4 pas, 18 helicópteros e 9 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

MuíñosExtinguido ás 20,07 h. o lume que comezaba o luns no concello de Muíños, parroquia de Requiás. A superficie afectada foi 32,3 hectáreas, das cales 27 son rasas e 5,3 arboradas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Este incendio iniciouse en dous focos diferentes e simultáneos, o que apunta a unha clara intencionalidade. Mobilizáronse 3 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre