Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con...

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

0

Segue activo, pero cunha evolución favorable, o incendio forestal do concello coruñés de Ribeira, que afecta tamén ao de Porto do Son, cunha superficie dunhas 175 hectáreas, segundo as últimas medicións

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Continúa activo desde as 23,04 h. de onte, pero evoluciona favorablemente, o incendio forestal do concello coruñés de Ribeira, que se iniciou na parroquia de Oleiros e que tamén afecta ao veciño municipio de Porto do Son. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 175 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse 15 axentes, 29 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Permanecen controlados os seguintes lumes: Fisterra-Sardiñeiro, con arredor de 130 hectáreas afectadas; Monforte de Lemos (465 ha); Cenlle (45,91 ha) e Lobeira (150 ha dentro do Parque Natural do Xurés).

Quedaron extinguidos os incendios de Porto do Son-Miñortos (89,4 ha) e Muíños-Requiás (10 hectáreas dentro do Parque do Xurés).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre