Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural continúa cos traballos para loitar contra a...

A Consellería do Medio Rural continúa cos traballos para loitar contra a avespiña do castiñeiro

0

Está previsto soltar un total de 1,6 millóns de individuos do parasito ‘Torymus sinensis’, un dos métodos naturais para combater esta praga


A Consellería do Medio Rural continúa cos traballos para o control da avespiña do castiñeiro neste ano 2020, coa solta prevista dun total de 1,6 millóns de individuos do parasito Torymus sinensis por toda a xeografía galega.

Así, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantén a cifra de soltas axustando o procedemento segundo os resultados obtidos en anos anteriores. Neste senso, cabe destacar que o número de Torymus sinensis a soltar depende da superficie de soutos e plantacións de castiñeiro existentes, pero co obxectivo de que o parasito comece de forma natural a súa expansión e protexa así estes enclaves naturais.

Por outra banda, o momento da solta depende de cando comecen a medrar as follas dos castiñeiros, e por tanto as bugallas. Cando haxa un número suficientes de bugallas nun souto procederase á solta dos parasitos. Desta maneira, cabe sinalar que nestes días comezáronse a realizar os labores de mostraxe do estado de brotación dos castiñeiros en toda Galicia, co fin de poder facer a solta do parasito no momento idóneo.

Ademais das mostraxes realizadas, este ano cóntase coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e de distintas cooperativas relacionadas co manexo dos soutos e a produción de castañas, os cales están a facilitar datos do momento en que brotan as follas dos seus soutos. Desta maneira, poderanse optimizar as soltas dos parasitos en soutos que son dunha gran importancia para os produtores de castaña.

Segundo os datos obtidos nas mostraxes realizadas ata o momento polo persoal do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral, as soltas comezarán na última quincena do mes de abril en puntos máis occidentais das provincias da Coruña e de Pontevedra e nalgunha localización dos vales máis quentes das provincias de Lugo e Ourense. Con todo, ante a situación creada polo COVID-19, poderase modificar a estratexia inicial de distribución e intensidade de solta, co fin de garantir a saúde dos operarios e o cumprimento estrito da normativa vixente respecto ao coronavirus.

Traballos a ter en conta nos soutosPara asegurar a supervivencia dos parasitos soltados do Torymus sinensis, e que se poida asentar a súa poboación, é moi importante ter en conta algunha recomendación á hora de realizar os traballos nos castiñeiros. Neste senso, non se deben empregar insecticidas nos castiñeiros para a erradicación da avespiña, porque aínda que non entra na bugalla, si que pode afectar aos parasitos naturais da avespa do castiñeiro e mesmo ao propio Torymus. Tampouco se deben eliminar nunca as bugallas secas, porque é onde permanece o parasito ata a súa emerxencia na seguinte primavera. Finalmente, é preciso evitar as rozas preto dos castiñeiros na primavera, xa que os Torymus aliméntanse do néctar das flores do souto, mentres se aparean e poñen os ovos nas bugallas frescas.

Pola contra, pódense podar os castiñeiros pero non queimar ou eliminar os residuos, xa que o Torymus pode vivir dous anos dentro das bugallas secas, antes de emerxer para parasitar bugallas frescas. Ademais, recoméndase regar durante o verán para prolongar o período de crecemento de gromos novos, así estes quedan fóra do período de posta da avespa, así como de abonar para incrementar o vigor das árbores e que poidan resistir mellor o ataque da praga.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre