Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural cederá unha motobomba ao concello ourensán da...

A Consellería do Medio Rural cederá unha motobomba ao concello ourensán da Rúa

0

Este municipio rexeitou un vehículo en condicións de operatividade para os labores de extinción de incendios no ano 2017, unha motobomba empregada dende entón polo concello de Parada de Sil

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, respondeu esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento a unha pregunta sobre a cesión dunha motobomba ao concello ourensán da Rúa. Alí, o director xeral asegurou que o concello da Rúa terá un vehículo motobomba tan pronto haxa dispoñibilidade, ao igual que ocorre co resto de municipios.

Neste senso, Fernández-Couto lembrou que no ano 2017 este concello desestimou a posibilidade de contar cun vehículo para a loita contra incendios que se atopaba en condicións de operatividade para poder traballar. Mostra disto, asegurou o director xeral, é o feito de que dita motobomba está operativa desde ese ano no concello de Parada de Sil.

Así, o director xeral destacou que a Consellería do Medio Rural fai unha renovación continua do parque móbil destinado a incendios e montes, no que se inclúen as motobombas, tanto propias como aquelas que achega aos concellos. Debido ao alto custo deste tipo de vehículos, trátase dun traballo gradual, en función da dispoñibilidade e da planificación do servizo de incendios. Neste senso, dende o ano 2013 renováronse 42 motobombas municipais e 66 do parque da Xunta. Ademais, este ano está previsto adquirir outros 11 vehículos máis para mellorar o traballo que se realiza desde os distritos forestais.

Finalmente, o representante da consellería indicou que todo o territorio de Galicia está cuberto con medios humanos e materiais para facer fronte á lacra dos incendios forestais e subliñou a importancia da colaboración coas entidades locais, xa que nesta loita é necesario o compromiso de todos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre