Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural busca establecer sinerxías entre A Rioxa e...

A Consellería do Medio Rural busca establecer sinerxías entre A Rioxa e Galicia no ámbito da investigación vitivinícola

0

Galicia estará presente na feira internacional Enomaq que se celebra ata o venres en Zaragoza


A Consellería do Medio Rural traballa na procura de establecer sinerxías coa Rioxa de cara á investigación vitivinícola. Para iso, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, visitou hoxe o Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (ICVV), o centro de investigación de referencia neste ámbito creado polo goberno da Rioxa, polo Consello Superior de Investigacións Científicas e pola Universidade da Rioxa.

O obxectivo é que este instituto traballe da man coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) en materia investigadora xa que é o centro equivalente na nosa comunidade. De feito, ambas institucións xa teñen colaborado anteriormente en proxectos de investigación a nivel nacional relacionados coas enfermidades da vide.

Ademais, mañá xoves, o representante da consellería estará na edición número 22 do Salón internacional de maquinaria e equipamentos para adegas e embotellado (Enomaq), que se celebra ata o venres en Zaragoza e na que estará presente Galicia. Alí, Manuel Rodríguez aproveitará para presentar ante o público asistente a Agacal, a axencia responsable da promoción dos produtos de calidade galegos, da formación e de investigación no ámbito agroalimentario. Neste evento, estará acompañado polo director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan Casares.

Precisamente a través da Evega, a Consellería do Medio Rural dará a coñecer as súas denominacións de orixe vitivinícolas cunha cata de viños galegos organizada en colaboración coa Asociación Galega de Enólogos (AGE). Esta cita terá lugar mañá ás 13.00 horas no recuncho do enólogo do recinto. Na última edición desta feira internacional, a nosa comunidade tamén estivo presente e, nese momento, a consellería organizou unha cata de viños brancos galegos á que asistiron 75 profesionais de toda España.

Feira EnomaqO salón internacional Enomaq celébrase cada dous anos xunto coas feiras Tecnovid, Oleomaq, Oleotec e, este ano tamén, E-Beer. Deste xeito, intégranse nun mesmo evento as novidades en maquinaria, equipos e técnicas das industrias vitivinícola, oleica e cervexeira. Nesta edición haberá 1.286 marcas expositoras procedentes de 31 países repartidas en 56.500 metros cadrados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre