Inicio Galicia A Consellería do Mar alerta da inseguridade xurídica que xera en máis...

A Consellería do Mar alerta da inseguridade xurídica que xera en máis de 100 empresas do sector a reforma do regulamento de Costas

0

A directora xeral de Pesca defende que os operadores conten cun escenario claro e preciso para desenvolver a súa actividade, sen depender de decisións arbitrarias ou cambios de criterio do Goberno de turno

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, alertou hoxe no Parlamento da inseguridade xurídica que xera en máis dun cento de empresas asentadas no litoral de Galicia a proposta de modificación do regulamento xeral de Costas presentada polo Goberno central. A representante da Consellería do Mar lamentou que estes cambios legais poñen en risco a empresas de distintos eidos, entre as que se atopan conserveiras, depuradoras de moluscos, cocedoiros e instalacións de acuicultura.

Mercedes Rodríguez explicou que a Xunta aposta nas súas alegacións por garantir ao máximo o principio de seguridade xurídica para que os distintos operadores afectados non queden expostos a decisións arbitrarias e cambios de criterio que poidan producirse en función do Goberno de turno. “Deben ter desde o primeiro momento un escenario claro e preciso no que poder desenvolver a súa actividade”, aseverou a directora xeral de Pesca.

Entre os aspectos que o Executivo galego considera prexudiciais para as empresas afectadas está o prazo máximo de duración das concesións, que cos cambios quedaría nun máximo de 75 anos incluídas as prórrogas. A Consellería do Mar defende que ese prazo, de 75 anos, non inclúa o da concesión senón unicamente as prórrogas, pois do contrario poría en risco a viabilidade de empresas que deseñaron os seus plans empresariais de acordo cos prazos anteriormente previstos.

Outro asunto que a directora xeral de Pesca salientou como contraproducente é o feito de que se revisen novamente os requisitos cumpridos para o outorgamento da concesión cando se teña que decidir sobre a prórroga. Esta medida tamén complicaría o futuro de numerosas instalacións ao incrementar a documentación, o tempo e os gastos necesarios para renovar ou ampliar esas concesións.

A reforma do regulamento de Costas establece ademais a obriga de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre as actividades que poidan desenvolverse noutro lugar, algo que, incidiu Mercedes Rodríguez, aínda que pode ser viable tecnicamente, implicaría un encarecemento da produción, polo que pode facer insostible a situación económica dalgunhas empresas ao provocar que perdan rendibilidade.

Outras instalacións afectadasÁ marxe do complexo mar-industria, o regulamento afecta a preto de 5.000 edificacións de 80 concellos costeiros, entre as que se atopan desde centros de saúde ata colexios. Para evitar consecuencias negativas nestas instalacións, as conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, enviaron unha carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que lle piden que visite Galicia para explicar de primeira man aos afectados a situación na que quedarán as súas instalacións coa reforma do regulamento de Costas que promove o Goberno do Estado.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre