Inicio Galicia A Consellería de Política Social destina o seu maior investimento para o...

A Consellería de Política Social destina o seu maior investimento para o ano 2020 á reforma integral da residencia pública de Campolongo

0

Investiranse 3,7 millóns de euros nun proxecto de mellora que foi consensuado co persoal do centro

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá un investimento de máis de 3,7 millóns de euros para acometer a reforma integral da residencia pública de Campolongo, o que supón a maior partida económica para obras e investimentos que recollen os orzamentos da Xunta en materia social para 2020. Díxoo durante unha visita a este centro público que dá servizo a 130 persoas maiores e na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Fabiola García destacou que este investimento permitirá facer realidade un proxecto de mellora das instalacións que foi debatido e deseñado da man co persoal do centro para garantir que se satisfagan as necesidades das persoas maiores e persoal da residencia. A actuación prevista inclúe, entre outras obras, a substitución dos ascensores, o cambio das fiestras, a creación de máis vestiarios, o traslado e ampliación da enfermaría e a redistribución da terraza que hai na segunda planta da residencia.

A conselleira tamén se referiu a outro importante investimento no ámbito social para a cidade de Pontevedra que se levará a cabo o vindeiro ano. Trátase da remodelación do Centro de Menores Avelino Montero, para o que os orzamentos consignan 1,3 millóns de euros.

Así mesmo, referiuse á nova residencia pública de maiores que se comezará a construír no primeiro semestre do 2020 na zona da Parda. Financiado o 100% pola Fundación Amancio Ortega, este centro ofrecerá 120 novas prazas públicas, creará 115 postos de traballo no sector dos coidados e suporá un investimento de 12 millóns de euros.

Fabiola García destacou que por primeira vez en dez anos, o Orzamento da Xunta supera a barreira dos 10.000 millóns de euros, medra un 3% e incorpora o maior gasto social da Historia de Galicia para que a nosa comunidade “sexa cada vez máis familia”.

Actuacións doutras ConselleríasMáis alá do gasto social, o proxecto de Orzamento da Comunidade Autónoma para 2020 contempla varias actuacións para seguir a impulsar Pontevedra de cara ao futuro. Dentro delas, destacan os avances no saneamento da ría, con obras de mellora da depuradora, do emisario submarino e os colectores xerais en Marín.

Ademais, continuarase a impulsar a sanidade pública cunha nova partida orzamentaria para o novo hospital Gran Montecelo, rematarase a estación intermodal e seguirase co acondicionamento do edificio Benito Corbal para que poida ser utilizado pola Universidade de Vigo. No eido educativo, os novos orzamentos recollen obras de mellora de eficiencia enerxética no CEIP O Carballal de Marín e no IES A Xunqueira de Pontevedra, así como a construción dun novo CEIP en Vilalonga, Sanxenxo. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre