Inicio Galicia A Consellería de Medio Ambiente licita a redacción do proxecto sectorial do...

A Consellería de Medio Ambiente licita a redacción do proxecto sectorial do parque empresarial de Paderne de Allariz

0

A superficie total do novo ámbito, incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, ascende a case 1,13 millóns de metros cadrados

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitou hoxe o contrato de servizo de redacción do proxecto sectorial do parque empresarial de Paderne de Allariz, en Ourense. O importe de licitación da actuación ascende a 166.375 euros (IVE incluído) e o prazo de execución previsto é nove meses, a contar dende a sinatura do contrato.

O ámbito territorial do parque será o comprendido no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG) coa denominación de Campus Industrial de Paderne de Allariz. A superficie total ascenderá a 1.129.596,00 metros cadrados, o que xerará arredor de 700.000 m2 de parcelas urbanizadas destinadas a implantación de industrias vencelladas ao sector terciario ou industrial.

O ámbito concreto do proxecto sectorial do futuro parque sitúase na zona noroeste do termo municipal de Paderne Allariz. Linda ao oeste co núcleo de Valiñas, ao este co núcleo de Solbeiras e ao sur co núcleo de Figueirido.

O parque integrarase na gran área empresarial da contorna de Ourense constituída polo polígono industrial de San Cibrao de Viñas, o Parque Tecnolóxico de Galicia, o parque de Pereiro de Aguiar e, cando se desenvolva, o Parque Empresarial de Paderne de Allariz. A meirande parte dos terreos onde se emprazará o futuro parque empresarial, son xa propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), organismo promotor da actuación.

O proxecto sectorial, cuxa redacción é obxecto da presente licitación, contemplará a ordenación detallada do parque, o deseño das conexións viarias que permitan a súa integración co resto dos ámbitos destinados a solo empresarial existentes na área, e deberá prever a programación das fases de execución da urbanización.

Con esta actuación, preténdese xerar solo urbanizado destinado a actividades industriais e terciarias que permitan satisfacer a demanda, actual e futura, deste tipo de solo na Área Funcional de Ourense. Na mesma liña, no conxunto de Galicia a Xunta ten nestes momentos a disposición das empresas máis de 1,2 millóns de metros cadrados de solo empresarial da súa propiedade con bonificacións do 30% ou do 50% sobre o prezo de venda.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre