Inicio Galicia A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Ribeira asumen o...

A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Ribeira asumen o compromiso de colaborar na construción dun auditorio municipal

0

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Manuel Ruiz Rivas asinaron esta mañá un protocolo de intencións que se desenvolverá a través dun futuro convenio, no que se concretará a cooperación técnica e económica de cada unha das partes


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Ribeira colaborarán técnica e economicamente na construción dun novo auditorio municipal, un proxecto que busca mellorar os espazos urbanos e os equipamentos culturais existentes neste concello coruñés. Así quedou comprometido esta mañá coa sinatura dun protocolo de intencións por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas.

O acordo sentará as bases da futura cooperación entre ambas administracións para levar a cabo o proxecto, que prevé construír un auditorio a carón do aparcadoiro do Centenario, cunha situación estratéxica dentro da trama urbana de Ribeira.

A realización deste tipo de iniciativas que buscan a mellora e a modernización dos equipamentos públicos urbanos co obxectivo de revitalizar o territorio encaixa dentro das competencias da Consellería de Medio Ambiente, motivo que xustifica a colaboración entre ambas partes a través da sinatura do presente protocolo.

Concretamente, o Concello de Ribeira asume deste xeito o compromiso de acreditar a dispoñibilidade dos inmobles e vías nos que se realizarán as actuacións, executar a redacción dos proxectos técnicos necesarios para definir as obras e facilitar á Consellería toda a documentación necesaria e que lle poida requirir. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez, pola súa parte, comprométese a asumir o custo da actuación, nos termos e condicións que se fixarán posteriormente.

Así, para concretar as condicións da cooperación técnica e económica entre Xunta e Concello, este protocolo deberá desenvolverse a través da sinatura dun futuro convenio de colaboración, no que se concretarán con detalle as actuacións e os compromisos asumidos por cada administración, incluída a achega económica da Consellería de Medio Ambiente e as anualidades para o financiamento da execución das obras.

Mentres tanto, unha comisión de seguimento integrada por dous representantes designados por cada unhas das partes que asinaron o protocolo será a encargada de impulsar e avaliar o seu cumprimento, así como de concretar as actuacións necesarias para materializalo e a súa viabilidade económica, técnica ou doutra índole co fin de facilitar a tramitación do futuro convenio de colaboración.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre