Inicio Galicia A Consellería de Medio Ambiente analiza coa Federación de Promotores a modificación...

A Consellería de Medio Ambiente analiza coa Federación de Promotores a modificación do regulamento da Lei do solo

0

Ángeles Vázquez mantivo unha reunión con representantes da entidade para falar das alegacións que presentaron ao documento, que iniciou a súa tramitación en decembro do ano pasado e previsiblemente será aprobado antes do verán


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recibiu ao presidente da Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia (Feproga), Ángel Jove Alborés, e ao secretario xeral da entidade, Juan José Yáñez, para analizar a modificación do regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia que se está a tramitar nestes momentos por parte da Xunta de Galicia.

Os representantes da federación trasladáronlle á conselleira que recentemente presentaron alegacións dentro do trámite de participación pública, a meirande parte delas relativas aos artigos máis importantes para a actividade inmobiliaria. Así mesmo, tamén fixeron unha valoración positiva dalgúns dos cambios introducidos como aqueles relativos ás categorías de solo urbano non consolidado, unha vella reivindicación do seu sector, segundo indicaron.

A conselleira, pola súa parte, escoitou con interese as achegas do colectivo de promotores inmobiliarios e amosouse moi receptiva ante as súas demandas, especialmente aquelas relativas a tentar ofrecer unha maior seguridade xurídica á xestión urbanística e a súa inscrición rexistral a través da modificación regulamentaria na que se está a traballar. Nesta liña, amosouse disposta a introducir algunhas das alegacións feitas por Feproga co fin de clarificar certos puntos relativos, por exemplo, ao outorgamento das licenzas de primeira ocupación de edificios.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou a tramitación da modificación do regulamento da Lei do Solo en decembro de 2018 co obxectivo de dinamizar a fixación de poboación no medio rural galego, ao facilitar o apoio á construción e rehabilitación de vivendas en solo rústico e rural. Unha boa parte dos cambios propostos refírense aos usos no solo rústico, establecendo un novo réxime para as vivendas localizadas neste tipo de solo, e permitindo a construción de vivendas para temporeiros e dunha segunda vivenda familiar vinculada a unha explotación agraria.

Nestes momentos, o anteproxecto de decreto polo que se modifica o regulamento da Lei do Solo está entrando na súa recta final, pendente de ser informado pola Asesoría Xurídica e con previsión de aprobación definitiva para antes do verán.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre