Inicio Galicia A Consellería de Infraestruturas reactiva traballos e trámites en obra pública que...

A Consellería de Infraestruturas reactiva traballos e trámites en obra pública que supoñen un investimento de 160 millóns de euros e garanten 1.400 postos de traballo en 2020

0

Ethel Vázquez subliña que o reinicio das actuacións en marcha, en condicións de seguridade, minimiza o impacto económico da crise sanitaria e blinda o emprego


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou ao presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e aos representantes das asociacións provinciais, da reactivación inmediata de traballos e trámites administrativos en obra pública que supoñen a mobilización este ano dun investimento autonómico de 160 millóns de euros e garanten 1.400 postos de traballo en 2020.

Vázquez Mourelle, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha nova xuntanza por videoconferencia co sector da construción, coincidindo co reinicio da súa actividade, tras 15 días de paralización polo estado de alarma reforzado decretado polo Goberno.

A Xunta e o sector da construción coincidiron na prioridade de garantir a seguridade dos traballadores, velando polo estrito cumprimento das medidas para evitar riscos de contaxios.

A responsable de Infraestruturas trasladoulles o apoio e colaboración da Xunta, que xa puxo á súa disposición unha guía de recomendacións de seguridade específicas para as obras.

Estas directrices reforzarán as medidas organizativas, de hixiene e de distanciamento que xa teñan activado as empresas.

O Goberno galego, consciente de que este actividade emprega a case 80.000 persoas na comunidade, acordou a semana pasada reiniciar as obras públicas en marcha e impulsar no ámbito administrativo outras actuacións que se atopan en distinto estado de tramitación.

Ethel Vázquez subliñou que a reactivación das obras contribúe a minimizar o impacto económico e garantir a continuidade do emprego no sector.

Fixo fincapé en que se trata de actuacións de interese público como a continuación da construción de centros de saúde ou o comezo da execución do Hospital de Pontevedra.

Tamén sinalou aqueles proxectos que garanten a calidade das augas e a saúde pública, como o saneamento da Malata, a mellora da depuración de Praceres ou a futura potabilizadora de Betanzos.

Ademais salientou a continuidade das obras de mellora de seguridade viaria e tamén daquelas que facilitan a actividade loxística, como o acceso aos polígonos de Morás e San Cibrao das Viñas ou a ampliación da avenida da Deputación en Sabón.

Puxo en valor o avance nas estacións intermodais de Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo, xa en marcha; ou o acondicionamento das entradas dos Camiños en Compostela, que incrementarán a competitividade e a capacidade de atracción turística da comunidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre