Inicio Galicia A Consellería de Infraestruturas activa novos contratos de obra pública por importe...

A Consellería de Infraestruturas activa novos contratos de obra pública por importe de máis de 120 millóns de euros que crearán arredor de 1.000 postos de traballo

0

O departamento autonómico reiniciou nas últimas semanas máis de 70 obras cun investimento de 224 millóns de euros, que supoñen 2.000 empregos anuais


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade activa novos contratos de obra pública por importe de máis de 120 millóns de euros que crearán arredor de 1.000 postos de traballo.

A titular deste departamento autonómico, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, trasladoulles hoxe esta información ao presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e a representantes das asociacións provincias e da Cámara de Contratistas de Galicia.

Neste encontro, por videoconferencia, abordáronse a evolución das obras públicas promovidas pola Xunta e as medidas de prevención da saúde adoptadas con motivo do COVID-19. Así, constatouse que nos traballos, que se desenvolven ao aire libre, maioritariamente, se están a seguir as recomendacións para evitar contaxios.

O Goberno galego puxo á disposición dos profesionais da construción unha guía de recomendacións de seguridade específicas para as obras elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Tamén se habilitou unha canle para a adquisición de material de protección, máscaras e guantes, a prezo de custo. Ethel Vázquez subliñou que a Xunta, pensando no futuro das preto de 80.000 persoas que traballan no sector da construción en Galicia, reiniciou as obras en execución e activou a tramitación doutras pendentes, que levaban semanas paradas polo estado de alarma. Concretou que nas últimas semanas desde a Consellería de Infraestruturas se reactivaron máis de 70 obras cun investimento de 224 millóns de euros, que supoñen a creación e mantemento de 2.000 empregos ao ano.

Salientou que se trata de intervencións de interese público, esenciais para a saúde, como as actuacións no Hospital da Costa e no de Ferrol ou a decena de centros de saúde reactivados. Engadiu que outros proxectos retomados garanten a calidade das augas, como o saneamento da Malata, en Ferrol; a loxística, como o acceso aos polígonos de San Cibrao e de Morás; e a competitividade e atracción turística, como as estacións intermodais.

Subliñou que a Xunta, pensando especialmente nos autónomos e nas pequenas empresas, tamén adxudicou máis de 30 contratos de servizos e obras menores que superan os 700.000 euros de investimento.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre