Inicio Galicia A Consellería de Educación modifica os concertos educativos para o vindeiro curso

A Consellería de Educación modifica os concertos educativos para o vindeiro curso

0

O número de unidades concertadas, 3929, axústase ás necesidades educativas


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se modifican os concertos educativos cos centros docentes privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, e de formación profesional, de xeito que no vindeiro curso 2018/19 haberá un total de 3929 unidades concertadas, 16 máis ca no curso anterior, que dan servizo educativo a arredor de 86.000 estudantes. A orde pode consultarse neste enlace .

Cómpre lembrar que os concertos –que se aprobaron o pasado ano 2017– teñen unha vixencia máxima de 6 anos (ata o curso 2022/23), sen prexuízo das modificacións que se poidan producir durante ese período, conforme á normativa de aplicación, axustando as unidades concertadas en función das necesidades de cada curso. Os cambios que se producen para o vindeiro curso están relacionados, entre outros, coa existencia de concertos progresivos (para rematar diferentes etapas), cos ciclos de formación profesional, e o concerto de unidades de educación especial (8 neste caso) para unha atención específica do alumnado.

O ensino concertado dá resposta a arredor do 25% da necesidade de prazas de escolarización en Galicia. Porén, o orzamento que se lle dedica é só o 11% do da Consellería. Cabe sinalar, ademais, que do total do orzamento destinado aos concertos, case o 90% está destinado a abonar as retribucións do persoal docente en réxime de pago delegado e do persoal complementario nas unidades de educación especial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre