Inicio Galicia A consellería de Educación investirá máis de 550.000 euros na rehabilitación enerxética...

A consellería de Educación investirá máis de 550.000 euros na rehabilitación enerxética do CEIP Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova)

0

O departamento educativo da Xunta podería licitar as obras dentro deste mesmo ano, co fin de que se executen o vindeiro verán

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), no que o seu departamento está a piques de licitar, por importe de 555.345,71 €, unha obra de rehabilitación enerxética. Tal e como sinalou a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, o proxecto está xa entregado, polo que a obra podería licitarse dentro deste mesmo ano, co obxectivo de executar as obras no verán de 2020. A conselleira estivo acompañada pola delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira. Pomar lembrou que a Consellería ten previsto executar un total de 8 obras de rehabilitación enerxética, cun orzamento global de 5,63 millóns de euros, outra delas no CEIP Padre Feijoo (Allariz). A iniciativa enmárcase na actualización do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas posto en marcha en 2016, e que conta cun orzamento global de 199,7 millóns de euros ata 2021.

Os traballos supoñen unha reforma enerxética e funcional dos centros, que xeralmente abranguen actuacións específicas en cubertas e fachadas (illamentos), carpinterías (substitución por ventás con rotura de ponte térmica), luminarias (substitución por equipos de alta eficiencia enerxética) e outros elementos das instalacións. Estas actuacións complementaranse con outras actuacións, como o pintado de aularios ou posibles melloras funcionais segundo o establecido nos proxectos técnicos. Faranse tamén melloras estéticas e funcionais coa incorporación dunha imaxe corporativa única a través da gama de cores empregadas nas aulas, así como en todos os elementos identificativos e sinaléctica dos centros.

Desde que se puxo en marcha esta acción, en 2016, a Consellería leva investidos máis de 18 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 38 centros escolares (todos eles foron construídos hai décadas) ao longo de catro anos. De feito, no presente ano 2019 acometéronse obras deste tipo en Noia, Teo, Láncara, Lugo, Maside, Ourense, Cerdedo-Cotobade e Vilagarcía de Arousa. Todas estas obras estaban rematadas ao inicio do curso escolar.

Biblioteca activaAdemais de ser plurilingüe en Infantil e Primaria, este centro conta cunha biblioteca moi activa, que ademais de formar parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), participa desde o curso 2018/19 nos programas Radio na Biblio e Biblioteca Creativa. Así mesmo, tomou parte o curso pasado na iniciativa de Voluntariado de Lectura.

Por outra banda, no marco da Estratexia Galega para a educación dixital, Edudixital 2020, o centro participa desde o curso 2018/19 no proxecto de libro dixital E- Dixgal, así como no programa Introdución á robótica educativa en primaria, que ten como obxectivo que o alumnado poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción, para o que se dota o CEIP de material relacionado coa robótica educativa.

RodaxeCarmen Pomar aproveitou a súa visita a Celanova para achegarse ao IES Celso Emilio Ferreiro (Celanova), onde se está a rodar a nova serie da produtora galega Vaca Films para Netflix, A desorde que deixas. Baseada na novela homónima de Carlos Montero, a serie narra a historia dunha profesora de literatura que chega á vila na que medrou o seu home para dar clase e que recibe un desagradable recibimento por parte do seu alumnado. No desenvolvemento da trama, a docente terá que ir descubrindo a verdade da vila que a rodea, un lugar no que todos parecen gardar segredos.

A serie conta entre o seu elenco co actor galego Tamar Novas, así como con outros rostros moi coñecidos do audiovisual como son Inma Cuesta, Bárbara Lennie, Arón Piper e Roberto Enríquez.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre