Inicio Galicia A Consellería de Educación implantará o Bacharelato no IES Valadares o próximo...

A Consellería de Educación implantará o Bacharelato no IES Valadares o próximo curso

0

Deste xeito dáse resposta a unha demanda histórica do instituto vigués

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vai implantar o Bacharelato no IES Valadares (Vigo) o próximo curso 2020/2021. Así o anunciou esta mañá a responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, Carmen Pomar, nunha visita ao centro, na que estivo acompañada da delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro. Segundo explicou, deste xeito dáselle resposta a unha demanda histórica deste instituto vigués e da súa comunidade educativa, co fin de que o alumnado poida rematar os estudos non universitarios no mesmo centro no que cursan toda a ESO, evitando desprazamentos e favorecendo á poboación das parroquias dos arredores.

En concreto, implantaranse as modalidades de Bacharelato Científico-Tecnolóxico e de Artes, xa que un número significativo do alumnado que cursa alí a ESO opta posteriormente por estas modalidades. Ademais, deste xeito incrementarase o número de prazas en Artes, modalidade que na cidade da oliveira só se imparte no IES Politécnico e que conta con lista de agarda.

Nova biblioteca LÍA.2Precisamente foi o activo labor da comunidade educativa deste centro a que fixo que a Consellería escollese a biblioteca do IES Valadares para incorporarse ao proxecto LÍA.2, unha iniciativa que ten como fin o de explorar as posibilidades de evolución da biblioteca escolar. De feito estas bibliotecas destacan por estimular un cambio metodolóxico no conxunto do centro, ao incentivar o uso da mesma como espazo de traballo colaborativo ao servizo de todas as materias e de toda a comunidade escolar. Os centros seleccionados, todos eles integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), contan cunha boa traxectoria de atención á biblioteca escolar, con práctica no impulso de metodoloxías activas desde e na coordinación de traballos por proxectos, así como con equipos de biblioteca e equipos directivos estables e comprometidos.

Coincidindo coa súa entrada no programa LÍA.2 e coa realización de obras en diversos espazos do centro, ampliouse a biblioteca, realizáronse diferentes intervencións en mobiliario, equipamento audiovisual e informático e renovouse a colección. A conselleira de Educación participou hoxe na inauguración desta biblioteca renovada, que conta agora con espazos diferenciados para ler e escribir, para traballar e investigar, para falar e escoitar, así como un espazo creativo. O traballo colaborativo, a participación activa do alumnado, a lectura e a educación en materia de información e medios de comunicación é un dos sinais de identidade desta biblioteca.

Cómpre destacar que a biblioteca do IES Valadares é moi activa. De feito, participa nos Clubs de lectura desde 2015/2016, e, nestes momentos, contan cun específico de manga, un para alumnado de ESO, un para adultos e manteñen outro denominado “club de escoita” con alumnado de ESO. Así mesmo, forma parte do programa de Voluntariado de Lectura desde o curso 2018/2019, e incorporouse neste curso a Radio na Biblio co seu proxecto Onda Valadares.

Desde esta a biblioteca realízase, tamén, un importante traballo pola inclusión de todo o alumnado, independentemente das súas capacidades. Ademais, estase a traballar nunha transformación das prácticas pedagóxicas, nun proceso no que a biblioteca ten un papel fundamental, como espazo de aprendizaxe.

Centro de referenciaDurante a súa visita a conselleira salientou que o IES Valadares é un centro de referencia pola súa implicación en programas educativos innovadores, máis aló dos da biblioteca escolar. De feito, este é o segundo ano que traballan co programa Club de Ciencia e este ano o centro participa en todas as liñas de actuación dos contratos-programa. Ademais participa no programa de Proxecto deportivo de Centro do Plan Proxecta.

Outros aspectos salientables son a súa implicación a prol dunha docencia activa, actualizada e innovadora. De feito, o centro obtivo no ano 2017 un dos Premios a proxectos de Formación Permanente do Profesorado e o seu alumnado foi recoñecido con premios de ESO ao esforzo e á superación persoal nos anos 2017, 2018 e 2019.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre