Inicio Galicia A Consellería de Educación e UNICEF colaborarán para promover o coñecemento dos...

A Consellería de Educación e UNICEF colaborarán para promover o coñecemento dos dereitos da infancia e cidadanía global nos centros educativos galegos

0

A conselleira e a presidenta da organización en Galicia asinaron un convenio a través do que se desenvolverán accións conxuntas

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a presidenta de UNICEF Comité Autonómico de Galicia, Myriam Garabito Cociña, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de accións conxuntas no eido educativo, para a promoción e a difusión dos dereitos de infancia e cidadanía global. Neste sentido, desde ambas partes facilitarase o acceso dos centros de ensino aos recursos educativos e metodoloxía de autoavaliación en Educación en Dereitos de Infancia dispoñible na web de UNICEF Comité Español. Os colexios poderán acceder a este programa rexistrándose na devandita web.

Así mesmo, UNICEF porá a disposición dos centros educativos os materiais de autoavaliación institucional sobre dereitos de infancia e cidadanía globaa e lanzará cada curso unha convocatoria para recoñecer centros de ensino como referentes en Educación en Dereitos de Infancia. No referido á formación do profesorado, porase en coñecemento dos docentes galegos as accións da organización neste eido, e por outra banda promoverase unha formación en dereitos da infancia e cidadanía global por parte da Consellería.

O convenio inclúe a promoción dentro do calendario escolar da celebración nos centros educativos, do 20 de novembro como “Día Universal da Infancia”, así como a colaboración na sensibilización e difusión de campañas, programas e accións formativas encamiñadas a poñer en valor a importancia da educación como base para a inclusión social, os Dereitos da Infancia e o intercambio de boas prácticas en materia educativa nestes eidos.

Así mesmo a Consellería comprométese a asesorar aos centros para o desenvolvemento de programas de aprendizaxe a través de iniciativas solidarias e de voluntariado en aspectos como a saúde, o medio ambiente, o patrimonio cultural, a cooperación internacional, a axuda ás persoas máis necesitadas e especialmente, nos casos de nenos e nenas en desvantaxe pola súa situación social, económica, familiar ou condición de discapacidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre