Inicio Galicia A Consellería de Educación convoca a proba para a obtención dos títulos...

A Consellería de Educación convoca a proba para a obtención dos títulos de Bacharelato e ESO para adultos

0

O obxectivo é que as persoas que non obtiveron estas cualificacións a través das ensinanzas reguladas poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre 


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia do día 5 de febreiro a convocatoria da proba para a obtención do título de Bacharelato para maiores de vinte anos na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. Así mesmo, publicouse a convocatoria da proba para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos. O obxectivo é que as persoas que non obtiveron estas cualificacións a través das ensinanzas reguladas poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre.

BacharelatoNo caso da proba para a obtención do título de Bacharelato, poderán participar as persoas maiores de 20 anos –ou que os cumpran no 2020–, que non dispoñan deste título ou equivalente e que non estean a cursar no actual curso académico estas ensinanzas en ningún dos seus réximes. As persoas interesadas poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles. Poderán participar tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais, as persoas aspirantes que teñan superadas as materias xerais e as materias troncais de opción propias da modalidade de Artes. O exame celebrarase o día 24 de abril de 2020 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

O prazo de presentación das solicitudes será entre o 27 de febreiro e o 12 de marzo de 2020. Deberán presentarse en soporte papel ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá presentar a solicitude son o Centro EPA Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), o Centro EPA Albeiros (Lugo), o Centro EPA de Ourense, o Centro EPA Río Lérez (Pontevedra) e o Centro EPA Berbés (Vigo).

A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera dos casos, constará de dous exercicios, entre os que haberá un descanso de dúas horas.

O primeiro exercicio corresponderá ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II, Lingua Castelá e Literatura I e II, Primeira Lingua Estranxeira I e II e unha proba combinada das materias de Filosofía e Historia de España. O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, versará sobre as materias troncais xerais propias e as de opción correspondentes a cada modalidade e itinerario.

No ano 2019 presentáronse a estas probas un total de 25 persoas.

ESONo caso da proba para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos, poderán participar as persoas que teñan os 18 anos cumpridos o día anterior á data de realización da proba e que non estean matriculadas nestas ensinanzas no réxime ordinario nin en FP Básica. Si poderán presentarse os matriculados durante o curso 2019/20 na educación secundaria para persoas adultas se cumpren as condicións establecidas na convocatoria. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 29 de maio e 4 de setembro de 2020 para as respectivas convocatorias.

O prazo de presentación das solicitudes será entre o 16 e o 27 de marzo para a convocatoria de xuño e entre o 1 e o 8 de xullo para a de setembro. Deberán presentarse en soporte papel ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá presentar a solicitude son a EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA Santa María de Caranza (Ferrol), IES San Clemente (Santiago de Compostela), IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Isidro Parga Pondal (Carballo), EPA Albeiros (Lugo), EPA de Ourense, EPA Río Lérez (Pontevedra), IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), EPA Berbés (Vigo), IES Santa Irene (Vigo), IES Ribeira do Louro (O Porriño), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa).

As probas constarán de tres partes, correspondentes aos tres ámbitos en que se organizan as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria para as persoas adultas. Na sesión de mañá realizarase a parte correspondente ao ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación Física. Tamén a do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación a Actividade Emprendedora Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música.

Na sesión da tarde realizarase a proba do ámbito da comunicación, que comprenderá os exercicios de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Lingua estranxeira (Inglés ou Francés).

No ano 2019 presentáronse a estas probas (nas súas dúas convocatorias) un total de 2736 persoas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre