Inicio Galicia A Consellería de Educación convoca 200 prazas para alumnado de 3º e...

A Consellería de Educación convoca 200 prazas para alumnado de 3º e 4º de ESO na Stemweek

0

Trátase dunha actividade formativa que estimula, á vez, a adquisición das competencias científico-tecnolóxicas e en lingua inglesa


Santiago de Compostela, 27 de abril de 2019.- A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria da actividade formativa STEMweek, dirixida á mellora das competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM. En total ofértanse 200 prazas para alumnas e alumnos de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria, nunhas estadías que se desenvolverán no Centro Residencial Docente (CRD) da Coruña.

A STEMweek desenvolveranse en dúas quendas (a primeira do 25 ao 31 de agosto e a segunda do 1 ao 7 de setembro) e terá carácter gratuíto para as familias. As actividades que nela se realicen terán como obxectivo desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese do alumnado pola ciencia e polas súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía. Ao mesmo tempo, supón unha oportunidade para a mellora da competencia comunicativa en lingua inglesa.

A organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas pola Consellería. Durante toda a estadía o alumnado estará supervisado por monitores e monitoras.

Esta convocatoria forma parte da Estratexia Galega de Educación Dixital (Edudixital 2020) e, en concreto, da liña destinada a fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no ensino preuniversitario, co fin de tentar de espertar o interese dos máis novos, e especialmente das rapazas, polos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico de cara á elección de estudos superiores. Non en balde, o Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia pon de manifesto que o índice de titulados non cubrirá a demanda de profesionais nun futuro nestes sectores.

Por outra banda, ao desenvolverse de forma íntegra en inglés, esta actividade é unha das accións contempladas tamén na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (Edulingüe 2020).

SolicitudesPoderá solicitar a participación na STEMweek o alumnado que estea cursando 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria no réxime xeral, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2018/19 en Galicia, que teña superadas todas as materias no curso 2017/18 cunha cualificación mínima de 6 na materia de inglés. Para puntuar e baremar as solicitudes recibidas teranse en conta a nota media do expediente no curso pasado, a renda per cápita da unidade familiar, a pertenza a familia numerosa e a discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (ED504G) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O prazo para presentación das mesmas será desde o 30 de abril ao 30 de maio de 2019, ambos os dous incluídos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre