Inicio Galicia A Consellería de Economía, Emprego e Industria incrementa o seu orzamento para...

A Consellería de Economía, Emprego e Industria incrementa o seu orzamento para 2020 nun 5% máis para seguir construíndo unha Galicia máis preparada, máis innovadora e máis verde

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou esta tarde no Parlamento de Galicia as contas para o próximo ano, que suman preto de 600 millóns de euros para a creación de emprego de calidade e para contar con empresas máis competitivas, innovadoras e internacionais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou esta tarde no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano 2020, que se incrementan nun 5% con respecto a 2019, ata alcanzar preto dos 600 millóns de euros, co obxectivo de seguir construíndo unha Galicia máis preparada, máis innovadora e máis verde. Tal e como explicou o conselleiro, trátase dunhas contas que teñen a vista posta no horizonte 2030 para contar cunha Comunidade que continúe crecendo e encare os retos actuais, multiplique as oportunidades de mozas e mozos e traballe para ser competitiva e verde.

Conde subliñou que estes orzamentos permitirán a Galicia cumprir cos seus compromisos en materia de emprego para rematar a lexislatura con 80.000 postos de traballo creados -xa levamos 61.000- e achegar a taxa de paro ao 10% -que se sitúa actualmente no 11,49%-. Unhas contas que tamén posibilitarán facer fronte aos desafíos que se derivan da situación actual, tanto a nivel nacional como internacional, apoiando así ao tecido industrial. Neste sentido avanzou que se activará un novo programa de axudas para traballadores e empresas afectadas por expedientes de regulación de emprego dotado con 4M€ e multiplicaranse por máis de tres -ata case os 17M€- os fondos destinados a acompañar ás empresas que en Galicia se poidan ver afectadas por este momento actual de inestabilidade.

Unha Galicia máis preparadaO conselleiro explicou que os orzamentos reservan 260 millóns de euros para conseguir unha Galicia máis preparada, capaz de anticiparse aos retos do novo modelo creando emprego en máis cantidade e calidade, apostando pola formación e a orientación e facendo fincapé na mocidade, nas mulleres, no emprego autónomo e na economía social.

Así, xunto coa consolidación de iniciativas que están a dar bo resultado como o Plan Galego de Formación -que contará con 66M€ para impulsar unha formación dual e flexible axustada ás necesidades do tecido produtivo e que reforza medidas como as Unidades Formativas en Empresas-; fortalécense eidos como a orientación -coa creación dunha nova escala de Orientación Laboral- ou o emprego autónomo; e impúlsanse novas medidas. Neste sentido destacan o novo programa dual de emprego para mozos e mozas menores de 30 anos, dotado con 5,2M€ para impulsar a súa empregabilidade; ou un doutorado industrial -enmarcado no programa Talento 2021- para fomentar a mobilidade de persoal investigador entre o eido académico e as empresas. No eido do emprego feminino, inclúense novos programas como TécnicAs para acadar maior presenza das mulleres na industria ou Responsabilízate+i para promover a implantación de plans de igualdade.

Unha Galicia máis innovadoraNa súa intervención, Conde destacou que o segundo piar para construír un mellor futuro son a industria e a innovación. Así, trabállase co obxectivo de que a innovación e a transformación dixital chegue a todas e cada unha das empresas galegas, axude a manter o liderado galego nos sectores estratéxicos, á vez que posibilite abrir novas oportunidades de negocio.

A Consellería destina á Galicia innovadora ao redor de 210 millóns de euros. Seguiranse impulsando polos estratéxicos como o da automoción -apoiando o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas co vehículo eléctrico e apostando pola mobilidade eficiente-; o polo naval, para avanzar no modelo de Estaleiro 4.0; ou o Polo Aeroespacial de Galicia, que contará con 15,5M€ para seguir avanzando no seu desenvolvemento. Ao tempo, continuarase cos Hubs de Innovación Dixital e lanzarase unha nova convocatoria de axudas dirixida ás empresas participantes para proxectos de I+D+i (7,5M€); e apoiarase o lanzamento e consolidación de polos noutros eidos.

Así, o polo das TIC, na Coruña, poderá acceder a fondos recollidos nestes orzamentos para comezar a desenvolverse e contribuír á modernización da base industrial do sector e á mellora das súas capacidades competitivas. O polo da biotecnoloxía de Santiago de Compostela contará cunha nova aceleradora no eido do descubrimento de fármacos -a Business Factory Pharma-; e avanzarase no polo termal e da enerxía a través do Ecobarrio de Ourense e da Lei de aproveitamento lúdico das augas termais.

Por outra banda, este impulso dos grandes polos da industria galega, acompañarase da aposta polas pequenas e medianas empresas a través do apoio integral que lles proporcionará a nova Estratexia Pemes, con 2,5M€ para desenvolver accións de formación, bonos de innovación ou actividades de sensibilización e divulgación, así como follas de ruta individuais. Ademais, mantense o compromiso co desenvolvemento da Industria 4.0 para contar cun tecido de maior tamaño e que aposte máis pola internacionalización e a diversificación: con máis de 45M€ para apoiar novos investimentos e ampliar os existentes e 34M€ para ferramentas que permitan reforzar as capacidades competitivas das empresas galegas.

Unha Galicia máis verdeOutra das grandes prioridades dos orzamentos de 2020 é avanzar nunha Galicia máis verde, para o que se destinan máis de 60M€. O conselleiro incidiu en que unha industria competitiva e forte é compatible cunha industria verde e responsable.

Por iso, destinaranse 32M€ a proxectos de aforro e eficiencia enerxética dirixidos tanto ás familias galegas -cun novo Plan Renove de electrodomésticos e axudas á domótica- como para a industria, con 6 de cada 10 euros desta partida para que poidan reducir a súa factura; e novos apoios para reforzar as liñas eléctricas dos polígonos industriais.

No ámbito da bioeconomía, preténdese afondar na incorporación de novas tecnoloxías, innovación e ecodeseño para que sexa un motor da competitividade. Así, apoiaranse proxectos construtivos de casas de madeira promovidos polos mozos e mozas no rural.

Conde finalizou subliñando que estes orzamentos reforzan a nosa Galicia Calidade, poñendo o foco nos galegos e galegas para seguir contribuíndo ao seu benestar a través da creación de emprego de calidade; e no tecido produtivo galego para contar con empresas máis competitivas, innovadoras e internacionais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre