Inicio Galicia A Consellería de Cultura e Turismo destina máis dun millón de euros...

A Consellería de Cultura e Turismo destina máis dun millón de euros en 2019 a través de subvencións para bibliotecas

0

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presidiu hoxe a reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria celebrada no Arquivo de Galicia


O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presidiu a reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria na Biblioteca e Arquivo de Galicia coa participación de representantes das bibliotecas públicas estatais ou autonómicas, das bibliotecas municipais, dos centros privados integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e das bibliotecas escolares de ensino non universitario.

O representante da Xunta deu conta do desenvolvemento das convocatorias de subvencións en materia de bibliotecas neste 2019 e que suman máis dun millón de euros. Deste xeito, destínanse 400.000 euros á mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, co fin de colaborar na súa actualización e mantemento e outros 250.000 euros dotarán a esta rede de novidades editoriais en galego. Por outra banda, tamén compre destacar que a Xunta de Galicia achega máis de 160.000 euros a proxectos de dixitalización para o portal Galiciana e que as melloras dos equipamentos das bibliotecas públicas contarán cun orzamento de 75.000 euros. Por último, precisou que se destinarán 70.000 euros á biblioteca do Carballiño e 30.000 á biblioteca do Museo de Artes do Gravado de Ribeira.

Así mesmo, o director xeral anunciou a celebración da segunda edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, unha iniciativa que naceu o ano pasado co obxectivo de distinguir proxectos ou boas prácticas innovadoras das bibliotecas públicas da comunidade autónoma. A posta en funcionamento de servizos innovadores, a cohesión e a inclusión social, a biblioteca dixital e a sustentabilidade ambiental son algunhas das áreas nas que se deberán enmarcar os proxectos que opten ao consecución do galardón.

Este premio será entregado na II Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, e da que se decidiron os contidos na reunión de hoxe. Baixo o lema Bibliotecas inclusivas: collemos todas e todos, a xornada busca poñer en valor o importante papel que desempeñan as bibliotecas como espazos integradores capaces non só de axudar a paliar as desigualdades sociais, senón tamén de fomentar a colaboración entre diferentes xeracións e diferentes culturas, converténdose así en espazos de convivencia cidadá e de atención ás persoas con discapacidade. Deste xeito, os relatorios xirarán arredor da accesibilidade universal, os fondos documentais accesibles, os servizos integradores e a formación do persoal.

Estratexia da Cultura GalegaAnxo M. Lorenzo tamén fixo alusión á Estratexia da Cultura Galega, concretamente á liña estratéxica cuarta, centrada no fortalecemento das institucións e entidades culturais de referencia: bibliotecas, arquivos e museos, así como das fundacións culturais, tanto na preservación do coñecemento e do saber como na dinamización cultural actual.‘Ler conta moito’Outro dos asuntos tratados foi o programa de dinamización da lectura Ler conta moito conta neste ano 2019 cun orzamento de 345.000 euros, 150.000 máis que no exercicio anterior. Unha parte dos fondos destínase a promover a igualdade entre homes e mulleres e a prevención contra a violencia de xénero grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Para dar cumprimento a dito acordo, a Consellería de Cultura e Turismo convocou unha nova orde de subvencións a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura destinadas á prevención e sensibilización contra a violencia de xénero nas bibliotecas e axencias de lectura públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Consello de Cooperación BibliotecariaO Consello de Cooperación Bibliotecaria ten como principais retos actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia e potenciar a cooperación entre todas as administracións con competencias no sistema bibliotecario galego. As bibliotecas municipais, as universitarias e as escolares están representadas neste órgano, no que tamén participan o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (Bamad Galicia).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre