Inicio Galicia A comisaria do Xacobeo 21 destaca en Xixón que o Camiño de...

A comisaria do Xacobeo 21 destaca en Xixón que o Camiño de Santiago é un elemento vertebrador entre territorios

0

Cecilia Pereira ofreceu un relatorio centrado no vindeiro Ano Santo durante a xornada ‘Escena Norte Idea’


A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, ofreceu hoxe un relatorio sobre o Xacobeo 21 na xornada Escena Norte Idea celebrada en Xixón no marco de Camino Escena Norte, un proxecto que promove a asociación Escenasturias coas súas asociacións colaboradoras no País Vasco (Eskena), Cantabria (Acepae) e Galicia (Escena Galega).

Baixo o leitmotiv da reactivación das comunidades a través da cultura, Cecilia Pereira destacou que Galicia conta cunha Ruta Xacobea baseada en valores como a solidariedade, a concordia entre os pobos e o respecto á diversidade, que é preciso conservar e seguir poñendo en valor. Trátase tamén dun elemento vertebrador entre distintos territorios, xa que o Camiño Norte e o Camiño Primitivo pasan polo Principado de Asturias. “O vindeiro Ano Santo non é algo exclusivo dunha comunidade autónoma, senón que é unha gran oportunidade para todas as localidades polas que pasa o Camiño de Santiago”, explicou a comisaria. Así, a celebración do Xacobeo e toda a programación cultural adherida axudará a promover un itinerario cultural convertido tamén en motor da dinamización económica e turística nas localidades que atravesa.

Así mesmo fixo fincapé na internacionalización do Camiño de Santiago, que este ano xa percorreron persoas de 186 nacionalidades, e no acondicionamento e mellora da sinalética que se está a realizar nas distintas rutas de cara ao vindeiro Ano Santo.

Neste sentido, a comisaria fixo referencia ao Plan estratéxico do Xacobeo 21, “a folla de ruta que nos permitirá construír un Ano Santo descentralizado, participativo e sustentable” e que contempla, entre os seus eixes principais a acollida, a posta en valor da participación e o fomento da colaboración, para que os peregrinos vivan a mellor das experiencias.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre