Inicio Galicia A Cidade da Cultura promove o emprendemento creativo a través da xornada...

A Cidade da Cultura promove o emprendemento creativo a través da xornada lúdico-formativa ?Creagaiás?

0

Esta iniciativa do Centro de Emprendemento do Gaiás quere pór en valor o traballo das persoas emprendedoras das industrias culturais e creativas


O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura acolleu esta tarde a segunda edición do CreaGaiás, no marco do cal foron entregados os galardóns de dous certames de fotografía dirixidos a instagrammers e fotógrafos amadores que retratasen dun xeito creativo o día a día no viveiro e coworking do Gaiás. Concibida como unha xornada lúdica para formar, apoiar e pór en valor profesionais e emprendedores do sector creativo, o programa incluíu obradoiros, charlas, espazo para o networking e un mercado no que o público asistente puido coñecer de preto diversos proxectos do sector creativo, tanto residentes no Gaiás como de empresas convidadas.

A entrega de premios contou coa participación do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Lorenzo eloxiou a existencia de iniciativas como CreaGaiás “coa que se quere potenciar o emprendemento, sobre todo desde o ámbito da creatividade”, explicou. “Agardamos que darlles ás persoas emprendedoras un espazo onde formarse, coñecer casos de éxito e intercambiar experiencias enriqueza o seu traballo e lles axude no percorrido desde as etapas iniciais dos seus proxectos”, remarcou o director xeral.

Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura quixo pór en valor a oferta do Centro de Emprendemento do Gaiás, na que se enmarca esta xornada, e que “máis aló dos recursos e programa de acompañamento dirixidos aos emprendedores que teñen aquí a súa sede, desenvolve unha ampla programación dirixida a estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia”.

Traballos galardoadosNo certame foi premiado o traballo fotográfico colectivo dos participantes do programa #Go2Work, o espazo de coworking impulsado pola EOI e o Igape coa colaboración do Centro de Emprendemento do Gaiás, dirixido a proxectos emprendedores das industrias culturais e tecnolóxicas nas primeiras fases de desenvolvemento. Este grupo de alumnos retratou en sete imaxes e dun xeito creativo e desenfadado o seu día a día no programa, reportaxe que lles valeu seren galardoados cun premio de 1.200€. Na outra modalidade do concurso, desenvolvida a través da rede social Instagram, foi premiada con 300€ unha instantánea do fotógrafo amador Iago Rodríguez Palmeiro, na que retratou a conciliación como a cara oculta do emprendemento. Os gañadores foron elixidos por un xurado composto por representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.

Concerto, faladoiro, talleres e un mercadoUn faladoiro e posterior concerto de Pauline en la Playa puxo a nota musical da xornada. As persoas asistentes a CreaGaiás puideron gozar así dun encontro moi persoal co dúo xixonés e ter un petisco sonoro do seu novo traballo previsto para esta primavera. Mar e Alicia Alvárez, nomes propios da escena musical independente desde os 90, compartiron coa audiencia as súas inquedanzas e reflexións sobre o proceso creativo, nunha charla moderada polo xornalista Tito Lesende. No concerto acústico posterior o dúo indie-pop despregou no Gaiás o seu talento tras dúas décadas en activo, seis discos e innumerables directos.

Completaron o programa da xornada dous obradoiros para emprendedores e profesionais. No primeiro, impartido por AlmaZen de Ioga, os participantes tiveron un achegamento á hixiene postural e ao ioga no entorno laboral para unha mellor saúde profesional. O segundo taller, impartido pola fotógrafa e formadora Cristina Andrés Pontanilla, estivo enfocado a tirar o máximo partido da cámara do móbil para lograr mellores fotos para as redes sociais. CreaGaiás 2019, de entrada libre e de balde, incluíu tamén un mercado creativo das empresas e persoas emprendedoras residentes no Coworking e Viveiro do Gaiás, ademais de espazo para o networking e unha sesión musical con Rapariga DJ.

Para profesionais do sector creativoCreaGaiás é unha iniciativa impulsada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia a través do seu Centro de Emprendemento e coa colaboración da empresa de xestión cultural Correveydile. A actividade está dirixida a persoas emprendedoras ou profesionais do sector creativo, así como a público interesado en coñecer de primeira man as empresas residentes. Conta ademais coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e as empresas Daveiga e Bodegas Lodeiros.

Na súa segunda edición, CreaGaiás volve sumarse á programación da Cidade da Cultura arredor do emprendemento no eido das industrias culturais, campo que, xunto coa tecnoloxía e a cultura, é un dos tres eixes nos que opera o Gaiás. O seu Centro de Emprendemento ofrece un espazo de coworking, un viveiro de empresas e unha área tecnolóxica na que compañías como Vodafone desenvolven proxectos de apoio a start-up galegas. Conta tamén cun programa de titoría e acompañamento na posta en marcha de modelos de negocio, maduración de ideas empresariais, asesoría financeira, networking e showrooms.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre