Inicio Galicia A Cidade da Cultura pecha este sábado o Club das Lerchiñas coa...

A Cidade da Cultura pecha este sábado o Club das Lerchiñas coa participación da escritora Ledicia Costas

0

María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer e Paula Carballeira foron as encargadas das anteriores sesións deste divertido e virtual club de narración oral


A Xunta de Galicia pecha este sábado coa premiada escritora Ledicia Costas o Club das Lerchiñas da Cidade da Cultura, ciclo de contacontos en liña –da campaña de lecer e formación #aculturasegue– dirixido ás familias e que ata agora emitiu catro sesións nas redes sociais do Gaiás (Facebook, Instagram, Twitter e Youtube) coas historias relatadas por María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer e Paula Carballeira.

O Club das lerchiñas botou a andar o pasado 9 de maio e durante todos os sábados ás 11,00 horas cinco das mellores contadoras galegas achegáronlles ás familias a través de internet e desde os seus fogares historias sinxelas e amenas, baseadas na tradición oral e tamén contos da súa propia autoría.

Este sábado 6 de xuño ponlle o alfinete ao ciclo a escritora Ledicia Costas co seu conto Conexión macarrón. Premio Merlín e Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta é a única autora galega que posúe dous Premios Lazarillo, ademais de ter recibido recoñecementos, como o Premio Losada Diéguez de creación literaria ou o galardón do Mellor Libro Infantil e Xuvenil na Gala do Libro Galego por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Esta actividade forma parte da programación en Internet e polas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia co obxecto de ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nesta época de limitacións de actividades presenciais pola crise da covid-19. Neste caso en concreto, procurouse fornecer a programación familiar, á vez que espertar o interese da cativada pola lectura e pola narración oral.

Relevo de Cociñeiras ilustradasPrecisamente, a programación familiar en liña para as fins de semana da Cidade da Cultura de Galicia terá continuidade o sábado seguinte, o 13 de xuño, coa posta en marcha do ciclo Cociñeiras ilustradas. As redes sociais da Cidade da Cultura emitirán ás 10 horas vídeo-receitas para cociñar coa cativada e que están animadas por cinco das mellores ilustradoras galegas: Nuria Díaz, Ana Varela, Laura Tova, Ángeles Díaz-Axouxeres e chisqueiros e Dani Padrón.

Será todos os sábados ata o 11 de xullo e cada ilustradora será a encargada de animar dúas vídeo-receitas: un xantar e unha sobremesa. Estas pezas audiovisuais animadas están baseadas nas receitas elaboradas polos prestixiosos cociñeiros da Escola de Hostalaría Belarmino Fernández. Sober (Lugo): Xenxo Pereiro, Santiago Martínez, David Cidre e Miguel A. Caruncho.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre